PALABRAS CON MEMORIA

Beadoras ou meadoras, pero tamén as hai caladas

Beadoras ou meadoras, pero tamén as hai caladas

Birrallo.- Aplícase este adxectivo ás ovellas que teñen a la basta, para diferencialas das meiriñas. 

 

Exemplo: “As meiriñas teñen unha la moi bonita, a das outras non vale nada, son birrallos”.

Lugar de escoita.- Sto. Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

 

Merella.- Ovella. 

Exemplo: “Bótame esa merella fóra da leira!”

Lugar de escoita.- Val Miñor.

Fonte.- Albino Soto Figueroa.

 

Mulida.- (Ademais de significados xa rexistrados) Pel de ovella que se pon entre o xugo e a caluga das vacas.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Pilerina.- Vestido tecido coa la da ovella para abrigar no inverno.

Lugar de escoita.- Eidián- Agolada (Pontevedra).

Fonte.- Mercedes Castiñeira/ C.D.D. Saraiva/Mª Jesús Fdez. Cons.

 

Urria.- Voz para chamar as ovellas.

Lugar de escoita.- Ferreirós de Arriba (O Courel).

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Viceira.- (Ademais de significados xa rexistrados) Sistema para gardar as cabras e ovellas por quendas os veciños segundo o número de cabezas adultas.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Xira.- Ovella.

Lugar de escoita.- Xinzo de Limia (Ourense).

Fonte.- Sé Anxo Rosales.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

 

 

 



x