O Bicheiro e a Universidade de Vigo: 12 meses de humor contra os prexuízos sobre o galego

O Bicheiro e a Universidade de Vigo: 12 meses de humor contra os prexuízos sobre o galego

O calendario editado pola Área de Normalización Lingüística da Uvigo fomenta o uso da lingua propia a través do sorriso e a reflexión sobre tópicos e prexuízos en torno ao galego.


“- Con el gallego no se va a ningún lado

Non ho! Con iso xa abonda coas pernas

Este texto da viñeta de Luis Davila, O Bicheiro, acompaña o mes de agosto do calendario 2017 que vén de editar a Universidade de Vigo a través da súa Área de Normalización Lingüística e baixo o lema ‘Na universidade en galego, sen prexuízos”.

“- No hablo gallego porque lo hablo fatal

Pois non dis o mesmo cando vas a Londres a practicar o inglés”.

Unha viñeta por cada mes do ano que se converten nun sorriso e unha reflexión por cada un dos 12 meses. En cada unha delas emprégase o humor para desarmar tópicos e prexuízos sobre o noso idioma e incentivar a falalo. Como a correspondente ao mes de xuño. Nela vese a unha turista preguntando por un lugar a un mozo

“- Pero fálalle castelán. Non sexas maleducado. Non vés que é de fora!”, recrimínalle unha veciña ao mozo. “Estámosche bos! Non mo pide ela e vaimo pedir vostede!!” responde o rapaz.

Ou a viñeta de xaneiro, na que unha mestra pregunta na escola a un neno que deambula polo patio “¿Que perdiste, Roi?”. “A lingua”, contesta a crianza.

Un proxecto que é moito máis que un simple calendario e que se pode descargar na propia páxina da ANL da Universidade.

 



x