COMO DICILO?

Cacho

O cacho é o cráneo ou a cabeza
O cacho é o cráneo ou a cabeza  

Para entendermos ben as locucións formadas en galego coa palabra cacho  debemos ter presentes algunhas cousas:

 

1.-En latín clásico "cabeza" dicíase căput e desta palabra deriva o italiano capo, o catalán cap e o francés chef. O galego, portugués e español cabeza /cabeça procede de capĭtĭa, derivado de căput.

 

2.-En latín serodio, por unha metáfora humorística chámouselle á cabeza těsta ‘ola de barro’ (lembremos os nosos testos) de onde vén o testa do galego e outras linguas románicas e o tête do francés.

 

3.-Doutro latín serodio, caccŭlu ‘oliña, cazolo’, procede cacho, recipiente baixo e de boca ancha, orixinalmente de barro. Por semellanza da forma denomina tamén o caparazón dalgúns crustáceos (centolas, bois…) e o cráneo, a cabeza humana (lembremos cacha, cachola, cachimea) ou de animais (cachucha/cacheira/cachola e cachalote)

 

4.-Cacho a maiores do continente denomina o contido, o que naquel se prepara, como o que se fai na noite de san Xoán con herbas aromáticas ou o caldiño feito no caparazón da centola, manxar de exquisitos.

 

5.-Cacho, recipiente de barro, toma o sentido de ‘cacharro vello e roto’, e chámanselle cachos aos fragmentos. Este sentido de ‘anaco’ e de ‘romper’ téñeno moitos derivados galegos de cacho como cachelo, cachote, cachón, escachar, etc.

 

6.-Se cadra ese significado de ‘fragmentos’ (aínda que unidos todos a un talo) motivou a denominación de cacho para o acio, o racimo de uvas ou doutros vexetais.

 

Imos, daquela, coas locucións :

 

Andar de cacho para testo  (ou para cabazo/para cribo) é ir dun sitio para outro sen parar, estando a persoa algo perdida,  en español  de aquí para allá, de la ceca para La Meca.

 

Mexar fóra do cacho (ou do penico)  é dicir inconveniencias, cousas que non son oportunas ou non veñen ao caso.

 

Estar mal do cacho/estar fóra de cacho é estar mal da cabeza, da cachola,  fóra de razón,  

 

Tirar/tirarse os cachos ás olas é asemellaren os fillos aos seus pais.

 

E coller/pillar cacho ‘lucrarse, tirar proveito’, é unha locución moderna equivalente ás tradicionais coller bicada, tirar tallada. Puido aparecer dende o galego (lembremos o  beneficioso cacho do líquido sanxoaneiro ou do manxar marisqueiro) aínda que tamén puido ser influída polo español coger cacho, no que cacho  en clara connotación sexual pois, como apuntaba xa Coromines, significa  en castelán dialectal "órgano xenital feminino". Porén, en galego pillar cacho/coller cacho ten un sentido amplo, non restrinxido ao eido sexual como en español.



x