Callón, absolto por segunda vez após reprochar a un xuíz o uso da forma ilegal 'La Coruña'

Callón, absolto por segunda vez após reprochar a un xuíz o uso da forma ilegal 'La Coruña'
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  

O presidente da Mesa sentou dúas veces no banco d@s acusad@s por esta causa, pois o demandante, o ex xuíz decano da Coruña Antonio Fraga Mandián, recorreu a primeira sentenza absolutoria en que até lle recordaban que a forma toponímica que dixo "non ter rubor" en utilizar estaba deturpada



Segunda sentenza pola mesma causa e segunda absolución. O presidente da Mesa, Carlos Callón, ficou libre de calquera responsabilidade xurídica nunha posíbel falta por "inxurias" derivada de lle ter reprochado ao ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, as súas declaracións en que manifestaba empregar "sen ningún rubor" a forma toponímica ilegal 'La Coruña'.

Ao igual que acontecera xa na fase de instrución e despois na primeira resolución ditada pola Audiencia provincial da Coruña, tamén desta volta se enmarcan as queixas de Callón no exercicio da liberdade de expresión, recalcando que este dereito entra en xogo "máis aínda cando as declaracións do xuíz eran públicas". A este respeito, a sentenza aplica "un correctivo moi duro" para Fraga Mandián, subliña Callón, ao enfatizar que foron varios os medios de comunicación que se fixeron eco das declaracións que A Mesa denunciou. Ficou desmontado, por tanto, o argumento do ex xuíz decano, que sinalou no xuízo que as palabras que se colocaron na súa boca eran da colleita de Callón e que el non as pronunciara.

"Quedou claro que non estaba a dicir a verdade", enfatiza o presidente da asociación en prol da normalización lingüística, quen valora a sentenza de maneira "moi positiva" porque lle dá a razón "en todo". Con todo, e "malia as numerosas solicitudes que fixen", a resolución foille entregada en castelán. Malia que o propio Fraga Mandián recoñecía que a forma que estaba a empregar era ilegal --"no tengo ningún rubor en utilizar la ilegalidad del topónimo La Coruña", na segunda vista pola mesma causa, após recorrer a primeira sentenza absolutoria, o avogado da acusación preguntou: "sabía usted, señor Callón, que en 2008 el topónimo La Coruña era oficial?" 

Quedará aquí a cousa? "Debería quedar aquí", confía Callón. Con todo, a Fraga Mandián aínda lle queda máis unha posibilidade de apelar: perante o Tribunal Constitucional. "Vendo como aconteceu todo até agora, non o descarto", recoñece o presidente da Mesa. Xa na fase de instrución se sinalaba que as súas queixas contra as declaracións do xuíz entraban dentro da liberdade de expresión e que, por tanto, non había caso. Porén, a demanda seguiu adiante até que Fraga Mandián conseguiu sentar a Callón no banco d@s acusad@s non unha, senón dúas veces. 



x