PALABRAS CON MEMORIA

En calquera vila hai un exemplar de cada

En calquera vila hai un exemplar de cada


Marriña.- Persoa semellante a unha meiga, con poderes especiais.

Lugar de escoita.- A zona de Valdeorras.

Fonte.- Ánxeles Ferrer.

 

Murca.- Persoa que está anoxada, pero con rabia contida, e que non fala. Tamén se di que está amurcada.

Lugar de escoita.- A zona de Valdeorras.

 

Murría.- Animal ou persoa moi enfraquecida.

Lugar de escoita.- Prebello, concello de Navia de Suarna, bisbarra dos Ancares.

Fonte.- Balonga Prebello.

 

Palimón.- Persoa con poucas luces; parvo.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- CPI Plurilingüe de Navia/Léxico patrimonial.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

 

Parrallo.- Persoa esaxerada, algo mentireira ou que todo o sabe.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

 

Pentello.- (Ademais de significados xa rexistrados). Persoa que fala ou actúa con excesiva calma, prosma. 

Exemplo: Nese sitio son tan pentellos que procuro non ir.

Lugar de escoita: Nigrán (Pontevedra).

Fonte.- Albino Soto Figueroa.

 

Petanoaire.- Persoa variable e irresponsable. 

Exemplo: “Non fagas negocios con el que é algo petanoaire”.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira.



x