PALABRAS CON MEMORIA

Cando non son de froita, sombra dan e ata demarcan o ladro do can

Cando non son de froita, sombra dan e ata demarcan o ladro do can
Os castiñeiros non se poden acolar [Foto: Galipedia]
Os castiñeiros non se poden acolar [Foto: Galipedia]  

Acolar.- (Ademais de significados rexistrados) Abanear as pólas das árbores para que caian os froitos.

Lugar de escoita.- Chantada (Lugo).

Fonte.- Andrés Lombardía C.

Outros apuntamentos.- A fonte indica tamén a modo de curiosidade de que os castiñeiros non se poden acolar, xa que ten que caer o ourizo da árbore para poder sacar o froito.

 

Apolitar.- Apoliñar, aganchar, subir ás árbores.

Lugar de escoita.- Filgueira (Cercedo)

Fonte.- Dolores Gamallo Rodríguez.

Outros apuntamentos.- Manuel Cabada di que en Sabucedo (A Estrada), a palabra tamén se usa co mesmo significado, aínda que cun pequeno cambio vocálico: apulitar.

 

Balbela.- Póla que se demouca dunha parra.

Lugar de escoita.- Marcelín- Navia de Suarna

Fonte.- Fernando/Endl Navia de Suarna.

Lugar de Escoita.- Marcelín (Navia de Suarna).

 

Baldema.- Póla que se demouca dunha parra, balbela.

Lugar de escoita.- Marcelín- Navia de Suarna

Fonte.- Fernando/Endl Navia de Suarna.

 

Barullo.-(Ademais de significados evidentes) Chámase así a póla de piñeiro.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

 

Espolingar (se).- (Ademais de significados xa rexistrados) Utilízase para indicar que unha persoa subida nunha árbore se coloca nas pólas delgadas.

Lugar de escoita.- Lier (Sarria).

Fonte.- María Xosé López Castro.

 

Raitume.- Peche dunha propiedade rural de tipo natural, con arbustos, silvas, etc.

Lugar de escoita.- Vilapedre (Terra Cha).

Fonte.-Antonio Eimil.

 

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x