ESTA TERZA FEIRA, DEBATE DA ILP DA MESA NO HÓRREO

Case 30.000 voces a prol doutro status para o galego no mundo da empresa e o traballo

Case 30.000 voces a prol doutro status para o galego no mundo da empresa e o traballo
Marcos Maceira, nun acto de Queremos Galego
Marcos Maceira, nun acto de Queremos Galego  

Unha Iniciativa Lexislativa Popular para o galego avanzar no ámbito socieconómico. Iso é o que se vai debater esta terza feira (a partir das 18.00 horas) no Parlamento galego. Vaina defender no Pleno Marcos Maceira, presidente da entidade promotora, a Mesa pola Normalización Lingüística. Non estará só: 28.000 asinaturas respaldan a ILP. Da maioría absoluta do PP dependerá que esas voces se convertan en lei.


Marcos Maceira compareceu esta segunda feira en Compostela en conferencia de imprensa para avanzar os argumentos que esta terza defenderá na tribuna do Pazo do Hórreo. Por o sintetizar nun, o presidente da MNL afirmou que o obxectivo da ILP é a "reposición" do galego nas empresas, onde está en situación de franca inferioridade a respeito da lingua dominante, o español.

 

Unha ILP precisa para ser tramitada dun mínimo de 10.000 sinaturas. Esta ten o respaldo de 28.000 persoas, o que representa un indubidábel aval social para unha iniciativa que, revelou Maceira, contaría co apoio de "destacadas personalidades" do PP. A identidade dos apoios á ILP no seo da formación liderada por Feijóo mantívoa o presidente da MNL baixo reserva. En todo caso, é dubidoso que a iniciativa alcance o nihil obstat das bancadas conservadoras na votación desta tarde.

 

Con todo, Maceira dixo estar "optimista" a respeito da sorte que irá correr a ILP no debate parlamentar e nese sentido argüíu que "ninguén entendería que os galegos non teñan recoñecidos os direitos para utilizar a lingua propia da súa comunidade" como si o terían, en troca, "outros cidadáns do Estado".

 

Que significa a "reposición" do galego no mundo das empresas e do traballo? Basicamente conseguir a súa igualdade a respeito do status de que goza o español. Trataríase, pois, de "garantir legalmente o direito á igualdade", isto é, "ao entendimento e á atención en galego" no curso "das relacións comerciais e económicas".

 

O camiño cara á igualdade ten de transitar por que "se ofereza documentación en galego en todos os contratos e formularios", ao tempo que se garanta que "a Administración contrate organizacións de servizvos públicos que atendan en galego". As cidadás deben ver satisfeito o seu direito a "receber en galego calquera tipo de informacion, aviso ou instrucións" e, alén diso, o respeito á toponimia oficial debe ser escrupuloso.

 

28.000 asinaturas e o respaldo de diversos colectivos

 

Cando tome a palabra no Hórreo, Maceira non o fará só. Canda el, alén das 28.000 asinaturas, estarán representados unha manchea de colectivos cos que a Mesa foi tecendo consensos arredor desta ILP. Perante os meios, o presidente da MNL fixo referencia explícita tamén a reunións con organismos oficiais, tais como o Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo e o Instituto Galego de Consumo.

 

A ILP tería, aliás, o respaldo de "diversos sindicatos" e comités de empresa, nomeadamente "do sector da teleatención", onde a discriminación negativa do galego é máis patente, enfatizou Maceira.

 

A protección legal do español da que o galego carece

 

O contido da ILP, de prosperar, reactivaría disposicións legais do galego xa existentes, mais que non se están a efectivizar, argumentou o presidente da MNL. "O recoñecimento do galego xa estaba recollido noutros documentos aprobados polo propio Parlamento galego", dixo. Tamén existen normas de carácter internacional, tais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadads e a Declaración Universal dos Direitos Linguísticos de 1996. O problema para o galego é que este corpo legal na práctica non se aplica.

 

"Hai 500 disposicións legais españolas" visando garantir o emprego do castelán, das cais por volta de "200 céntranse no ámbito socieconómico". Esa protección legal do español si que é efectiva. En troca, "e após 36 anos como autonomía" as "6 normas que amparan o galego" non se estarían a cumprir "en moitas ocasións".

 

O debate da ILP está axendado para esta tarde apartir das 18.00 horas. Intervirá en primeiro termo o presidente da MNL e logo a seguir os portavoces dos distintos grupos parlamentares. Está prevista unha quenda de réplicas. A chave, como sempre, tena a maioría absoluta do PP.

 

Corrección: na redacción inicial desta peza deslizáronse dous erros. A hora do comezo do debate é as 18 horas (e non as 18.30 como se consignaba equivocamente) e a Declaración Universal dos Direitos Lingüísticos é de 1996 e non de 1956 como se afirmaba de forma incorrecta.



x