A celtista ‘afouteza’, a palabra máis buscada esta semana no dicionario da RAG

A celtista ‘afouteza’, a palabra máis buscada esta semana no dicionario da RAG

A disputa polo Celta da semifinal de Copa fixo que esta semana a palabra que fai parte do seu himno e lema (‘Afouteza e corazón’) fose a máis procurada no dicionario dixital da Real Academia Galega


“O teu lema é nobre xogo, afouteza e corazón”, di o himno do RC Celta. ‘Ensinémoslle ao mundo o significado de afouteza’,  foi a lema da campaña de abonados do RC Celta, tomando unha frase do adestrador celeste, Berizzo, na que empregaba esa palabra galega, que semella que está a cobrar un novo pulo da man do celtismo. Deu nome a peñas celestes, fíxose un oco no vocabulario dos castelán falantes, e mesmo titulou un rap adicado ao Celta... e ao longo destas últimas semanas, e a medida que o Celta ía avanzando na Copa do Rei, a referencia a 'afouteza' multiplicábase en lemas, anuncios e publicidade relacionadas coa equipa galega. 

A lista de palabras máis buscadas no dicionario dixital da Real Academia Galega está presidida esta semana por ‘afouteza’, que vai por diante de ‘esmorga’, ‘amorodo’ ou ‘porén’. ‘Afouteza’ é tamén a segunda palabra máis procurada no que vai de mes neste dicionario dixital.

 E que é ‘afouteza’? Pois así o define a RAG:

 1. Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades.

 2. Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme.