COMO DICILO?

Coar sen "coarse"

Coar sen "coarse"
Unha peneira
Unha peneira  

En galego e portugués utilizamos  o verbo coar para ‘facer pasar algo por un trebello separando o líquido  das partículas sólidas que leva’ (Coar o zume, coar o arroz).  Unha variante tradicional é escoar e sinónimos son escorrer e filtrar. O trebello coñécese como coador/coadoiro aínda que pode recibir outros nomes como pasador, escorredor ou mesmo filtro, maiormente se adopta formas algo diferentes.

O verbo coar ampliou posteriormente o seu significado a ‘pasar ou introducir furtivamente algo’ (Coaron dous kilos de coca no país),  admitindo tamén un uso reflexivo  (Coouse polo portelo). Neste caso, o verbo reflexivo pode subliñar que algo se introduce por descoido de quen debería evitalo (Coóuseme unha falta de ortografía na carta).  Se nos parece rechamante o neoloxismo, podemos substituílo por outros verbos sinónimos (infiltrar/se, introducir/se, escapar/se, etc,). 

Con todo, a palabra utilizada xeralmente está moi contaminada  polo español, que "coou" as súas formas : colar, colarse, colador, etc.

O que non existe en galego nin en portugués é o uso español de colarse (nin a adaptación en coarse)  co sentido de ‘pasarse de listo,  dicir ou facer irreflexivamente cousas que non se axustan en absoluto á realidade ou que fracasan estrepitosamente’.  É un castelanismo dicir:

Quixeches facerte o simpático e coácheste (ou colácheste)
Contounos como fora a cousa e coouse  (ou colouse) totalmente 

En galego debemos substituílo por expresións nosas equivalentes e igual de coloquiais como meter a pata/ meter o zoco/ meter a pezuña, botar a lingua a pacer (forte é só referida ao acto de falar) e outras.

Para ‘filtro ou escoador de sólidos’ poderiamos tamén empregar a  tradicional peneira e o verbo peneirar . Por exemplo, Esta é a peneira da fariña ou Os buscadores de ouro peneiraban a area no río.

Peneira e peneirar poden adquirir empregos figurados; así, pensando nunha peneira como un espazo con buratos que impide o paso e filtra o acceso a un lugar podemos  dicir :

Peneiraron con moito coidado as persoas que accedían á praza

Moito mellor ese verbo tradicional galego  que o castelanismo peinar.

Debemos, daquela, peneirar ben a nosa expresión -maiormente no uso público- para termos un galego ben coidado.
 



x