Os comboios da Renfe fan parada en 'La Coruña' e en 'Orense'

Os comboios da Renfe fan parada en 'La Coruña' e en 'Orense'

A empresa pública inclúe formas toponímicas ilegais na súa páxina web, tanto no formulario de rexistro de usuari@s como na consulta de horarios e traxectos, onde se permite escoller entre A Coruña/La Coruña e Ourense/Orense.



A empresa pública Renfe inclúe na súa páxina web as formas toponímicas ilegais La Coruña e Orense tanto no formulario de rexistro de alta de persoas usuarias como na consulta de traxectos e horarios, onde se achegan as opcións A Coruña/La Coruña e Ourense/Orense.

Denúnciao A Mesa pola Normalización, que recibiu varias queixas nesta liña e anunciou xa medidas perante a Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, como perante a ministra de Fomento, Ana Pastor. A asociación en defensa da lingua cita a Lei 3/1983, do 15 de xuño, en que se sinala que "os topónimos da Galiza terán como única forma oficial a galega".

Un paso atrás "con motivación ideolóxica"

Ao fío destas queixas, A Mesa informou de que ten presentado queixas polo uso de toponimia ilegal por parte da empresa pública, mais referidas sempre a localidades máis pequenas como A Gudiña, Uxes ou A Escravitude. A involución neste sentido "non pode ser casual", segundo entende a asociación en defensa da Lingua, denunciando que "sen dúbida responde a motivacións ideolóxicas". 



x