MARCOS MACEIRA

"Se conseguimos que a sociedade se active máis, o galego ten moito futuro por diante"

"Se conseguimos que a sociedade se active máis, o galego ten moito futuro por diante"
Marcos Maceira presentando a app da Liña do Galego da Mesa Pola Normalización Lingüística. Foto: Irene Pin
Marcos Maceira presentando a app da Liña do Galego da Mesa Pola Normalización Lingüística. Foto: Irene Pin  

Este domingo, e após a multitudinaria marcha do 17M, quen nos fala en VenhanMais5 é o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.


-Como avalías o estado actual do galego?

-A situación da lingua é mala. Nin sequera é necesario facer unha análise polo miúdo dos datos porque está á vista dos ollos de calquera. É imposíbel facer unha vida plena en galego como acontece por exemplo coas linguas oficiais dos estados. O galego está excluído de practicamente todos os espazos, e onde está é só porque hai unha forza social que fai que estexa, con moitas dificuldades. 

Non hai ningún goberno que apoie a lingua senón o contrario. Quen máis promove a exclusión do galego é o propio goberno autonómico. Aí están os datos no ensino, onde é tratada como lingua extranxeira ou residuo arqueolóxico; ou as discriminacións continuas polo uso do galego no ámbito do consumo. Algo tan simples e tan natural en calquera lingua realmente oficial como abrir unha conta bancaria, ou asistir a un filme en versión orixinal, ou dobrada, ou lexendada en galego, ou chamar a un servizo de atención para solucionar unha avaría doméstica, é materialmente imposíbel en galego. Poderíamos seguir así páxinas e páxinas. E que fai o goberno cos nosos recursos para pór cabo a isto e garantir algo tan básico? Non só non fai nada senón que se adica a destruír o que a sociedade tivo que construír sen o seu apoio e suplindo a acción da Xunta. 

A perda de falantes tamén é consecuencia disto.

Pola contra, tamén aumentou a conciencia dos falantes, o que dá un motivo para a esperanza porque iso é o que pode facer mudar a situación. Se hoxe existe o galego, por moi precaria que sexa a situación, é só por vontade dunha parte considerábel da sociedade, contra todo un Estado, incluíndo aquí a Xunta ao seu servizo.

-Que evolución agardas da lingua a cinco anos vista?

-Pola parte con máis medios e recursos para actuar, a da Xunta, non agardo nada cando menos nos próximos 3 anos. Ningunha mudanza política en Galiza sería real sen mudanzas a favor do idioma.

A mellora de Sermos non só depende da vontade do propio medio, senón tamén da maior implicación das persoas que apoiamos os medios en galego

Pola parte da sociedade están a se desenvolver iniciativas para recuperar usos para a lingua e levantar os vetos impostos ao idioma. Podo falar de accións como a ILP que está a promover a Mesa para garantir o dereito a usarmos o galego nas relacións socioeconómicas, mais tamén do traballo que desenvolven ducias de colectivos diariamente en ámbitos moi diversos, desde o ensino ás festas, ás redes sociais, ou o lexendado aberto de filmes mesmo utilizando a vantaxe de contarmos cun espazo lingüístico como o galego-portugués. O propio nacemento de medios en galego por iniciativa social, como Sermos, naquel momento de desaparición de cabeceiras na nosa lingua, é indicativo disto.

Se conseguirmos que a sociedade se active máis e se implique na defensa dunha necesidade fundamental para existencia digna de calquera pobo como é a lingua, o galego ten moito futuro por diante.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-É un logro termos imprensa dixital en galego e un semanario en papel en todos os quioscos do país. Mais non temos  que nos  conformar con iso. Por iso espero que mellore en todos os aspectos. A lingua galega precisa que no xornalismo e en todos os espazos onde se recuperou haxa cualidade. 

Claro que iso non só depende da vontade do propio medio, tamén de maior implicación das persoas que apoiamos os medios en galego. Tamén para suplir a acción institucional, que para os medios en galego non dá nin migallas. 



x