O Consello da Cultura Galega sae en defensa do Día das Letras a Filgueira Valverde

O Consello da Cultura Galega sae en defensa do Día das Letras a Filgueira Valverde
Ramón Villares
Ramón Villares  

O seu presidente Ramón Villares cre que “non se deben facer escrutinios sobre os comportamentos ideolóxicos das persoas” e mesmo considera que se debe aproveitar o pasado franquista do homenaxeado o 17 de maio para “explicar mellor a complexidade daquel réxime”.  


 

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, rebateu as críticas formuladas desde diversos ámbitos á Real Academia Galega pola decisión de dedicar o Día das Letras Galegas en 2015 a Xosé Filgueira Valverde polo seu pasado franquista, opinións coas que asegurou "non concordar".

O historiador, nunha entrevista en RNE, amosouse en contra de "facer unha especie de aduana ou de escrutinio sobre os comportamentos políticos, ideolóxicos ou relixiosos das persoas". "Non se pode negar que Filgueira Valverde foi alcalde durante o franquismo, pero quizais deberiamos aproveitar esta circunstancia para debater e explicar mellor a complexidade dese réxime", afirmou.

Villares cre que respecto da lingua existen "efectos negativos da concepción ilustrada de que só se protexe na escola"

Así mesmo, Villares considerou que "hai perigo de creba da transmisión xeracional" do idioma galego que pode ter "consecuencias a medio prazo negativas" aínda que considerou que a súa situación "non é de alerta nin de urxencia". 

Ao xuízo do presidente do CCG, no descenso de uso da lingua propia "combínanse uns efectos negativos da concepción ilustrada de que o idioma só se protexe na escola cuns efectos a medio prazo da disolución da sociedade tradicional galega, a rural, que era a que realmente mantiña o idioma". A iso, Villares cre que se suman "unhas políticas públicas como o Plan de Normalización que foron acertadas no papel pero non ben asumidas no social".



x