COMO DICILO?

Contos

[Imaxe: B.B.]
[Imaxe: B.B.]  

Os contos dos que falabamos esoutro día son relatos, en xeral ficticios aínda que poidan basearse en sucesos reais ou con visos de ser certos. Poden transmitirse oralmente ou por escrito e coñecermos nós ou non o nome do seu autor, o que nos serve para deslindar a literatura « popular » da « culta ».

 

Outra cousa son os contos como invencións, fabulacións, lerias e trapalladas que os humanos inventamos, non sempre con ánimo desinteresado e moitas veces por encirrar.  Non me veñas con contos,  dicimos así, ou  Son contos que van para a feira,  descualificamos. E a aqueles que sempre andan con contos chamámoslles contiqueiros, contomiñeiros, contomeleiros, etc.

 

Conto, sen matiz pexorativo ningún, chega a ser equivalente de ‘asunto, cuestión’ (Veña, vai ao conto !/ O conto é que temos que facelo). Unha frase  moi empregada en galego é Morra o conto!, equivalente do español No se hable más ! Conto é tamén termo familiar para un obxecto  calquera que non nomeamos, un equivalente, logo, a couso, choio, etc : Pásame o conto ese.

 

Diferente é o substantivo conta ‘cálculo, cómputo’ aínda que ten a mesma orixe que conto : as dúas palabras proceden do verbo latino computare. Saíronlle as contas furadas, dicimos de alguén cando os seus cálculos, as súas expectativas, resultaron fracasadas.  E é porque moitas veces non se teñen en conta detalles moi importantes : Non se poden botar as contas sen a taberneira, advirte o consello tradicional. E ter conta é equivalente a ‘ter coidado´(Ten conta do leite mentres eu baixo).

 

Volvendo ao conto (ao conto popular) imos entender a expresión irónica Fuxe, laxe que te esfarelo ou Fuxe, laxe, que te fendo !  lendo unha versión breve  de As vodas do ceo:

 

 “Ía unha vez unha raposa polo monte e viu voar unha aguia moi alta.

    -Ai! - berroulle - Onde vas?

    -Vou ás vodas do ceo - respondeulle a aguia.

    -E logo, hai vodas hoxe? 

    - Hai, e moi boas, por certo.

    -Pois eu quería ir. Como faremos ? 

    -Eu te levarei.

Entón a aguia pousouse no chan, a raposa subíulle ás costas e botaron a voar.

Ao iren xa moi altos, a aguia fixo un recorte e chimpou a raposa embaixo. E a raposa, ao ver que ía caír  enriba dun penedo, púxose a berrar:

             Fuxe laxe que te esfarelo,
             que se saio desta
            non torno ás vodas do ceo! “
.

E despidámonos con este remate tradicional ao contar contosl:

Conto contado, burro aparellado;  agora ti tíralle polo rabo!

 

 

 



x