SEGUNDO O COMITÉ INTERCENTROS

A CRTVG incumpre as normas sobre o uso do galego no ámbito laboral

A CRTVG incumpre as normas sobre o uso do galego no ámbito laboral
Instalacións da CRTVG
Instalacións da CRTVG  CRTVG

Denúnciao o comité intercentros da corporación, que alerta dun progresivo desmantelamento da promoción do galego.


A Compañía de radio televisión de Galiza (CRTVG) incumpre as normas sobre o uso do galego no ámbito laboral, afirma o comité intercentros. A Corporación non só ten “unha enorme falta de compromiso co noso idioma” senón que mesmo vulnera o artigo 6 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Un artigo que establece que  “a lingua da Corporación é o galego, xa que logo a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas será en lingua galega”.

 

Pois ben, os representantes dos traballadores consideran que se está a dar o incumprimento da obriga de promoción da lingua galega que teñen os medios públicos en todos os seus ámbitos de actuación, incluídas as relacións laborais. Os sindicatos advirten do “malestar maioritario” que causou entre o cadro de persoal a “total ausencia da lingua galega nas accións formativas programadas para a adaptación da maior parte do persoal ao novo modelo de produción audiovisual dixital que se está a instalar no medio público”.

 

Así, afirman, nos cursos presenciais non se emprega o galego, algo que admiten como xustificado se os docentes son foráneos. Porén, é “absolutamente indefendible que a documentación formativa non estea na nosa lingua, malia que moitos manuais técnicos dos fabricantes traduciunos directamente desde o inglés a empresa encargada de acometer a transformación dixital da CRTVG e da conseguinte formación do persoal, a compañía Telefónica Servicios Audiovisuales”.

 

Ademais, o propio portal creado especificamente para aloxar o material formativo recorra a un dominio en español (proyectocrtvg.com) e “non teña nin sequera os menús en lingua galega”.

 

Desmantelamento lingüístico

 

Os sindicatos alertan dun progresivo desmantelamento da promoción do galego por parte da Corporación, o que se manifesta, entre outros,  na carencia de programación divulgativa específica e na situación do departamento lingüístico, “tan esganado que dificilmente pode asumir a supervisión da produción externa que chega ao centro emisor ao tempo que ofrece soporte ao persoal propio”.