A CRTVG introduce o castelán nun proceso de selección de persoal

A CRTVG introduce o castelán nun proceso de selección de persoal

Ofreceu ás persoas aspirantes a posibilidade de recibir o texto de instrucións en español. O artigo 3.4 dos estatutos da compañía especifícase que a lingua de comunicación ao persoal debe ser a galega.


A sede central da Compañía de Radio Televisión de Galiza (CRTVG)  acolleu a semana pasada proba de selección para cinco contratos de redactores e redactoras en prácticas da TVG. As persoas aspirantes deberon realizar diversas probas. A primeira,  unha proba lingüística, cunha parte escrita e outra oral, que tiña carácter eliminatorio. Un exercicio no que tiñan que demostrar os seus coñecementos de lingua galega.

 

Outra das probas consistía en realizar dous exercicios centrados nas habilidades comunicativas precisas para estes postos de traballo (por unha banda, redacción de novas e por outra, deseño dunha estratexia de promoción dun contido da CRTVG). Segundo traballadores da Compañía, e para sorpresa dalgunha das persoas aspirantes, membros do Tribunal preguntaron a cada unha delas se querían o documento coas instrucións para eses exercicios en galego ou en castelán. O artigo 3.3 do estatuto da CRTVG especifica que "no desenvolvemento do seu obxecto social, a Corporación RTVG promoverá e difundirá a cultura e identidade de Galicia e contribuirá ao uso e ao coñecemento da lingua galega".

 

A maiores, no artigo 3.4 afírmase: “A lingua da Corporación RTVG é o galego; polo tanto, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da dita sociedade e das comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega."

 

Non se entende, pois, que nunha proba para traballar na CRTVG se ofreza a posibilidade de recibir as instrucións en castelán, máis aínda cando nese mesmo proceso se inclúe unha proba eliminatoria para garantir que todas as persoas aspirantes teñan coñecementos suficientes sobre o idioma galego. Ademais, nas propias instrucións indicábase que a resposta destes exercicios debía facerse, en calquera caso,en galego. 

 

 



x