PALABRAS CON MEMORIA

Cun par delas vaise a calquera sitio

Cun par delas vaise a calquera sitio

Aparrear.- Fatigar. 

Exemplo: “O avó dixo que ía aparrear a perna se andaba moito sobre ela”.

Lugar de escoita.- Cee (A Coruña).

Fonte.- María Canosa.

Cuxilitranco/a.- Persoa ou animal que, ademais de coxear, camiña de maneira desamañada. Cuxilitranquear.

Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.

Fonte.- Isidro Novo.

Esperrecharse.- Abrirse de pernas, estricarse. Rirse moito.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

Estafa.- (Ademais de significados xa rexistrados) Acción ou obra fatigosa; o que causa fatiga. Existe o verbo “estafar” na mesma parroquia de escoita co significado de fatigar. 

Exemplo de uso: “Cheghou aquí medio estafado”.

Lugar de escoita.- Santa Mariña (Covelo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Fisgoada.- Picada, lategazo, proído, comechón nun músculo ou nalgunha parte do corpo, frisgoada. 

Exemplo: Esta noite deume unha fisgoada nunha perna e adoecín coa dor.

Lugar de escoita.- Bisbarra de Navia de Suarna.

Fonte.- Endl de Navia/(Estrella de Navia e Raquel de Son).

Ventrecha.- (Ademais de significados xa rexistrados) Sofraxe, parte da perna posterior ao xeonllo.

Lugar de escoita.- Baltar (Ponte Caldelas).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Xamba.- Perna. Extremidade inferior do corpo das persoas ou parte do animal situada entre o pé e os xeonllos.

Lugar de escoita.-  Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.

Fonte.- Alberte Suras.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x