COMO DICILO?

Da boca

Aquí hai moita xente que si dá chíos
Aquí hai moita xente que si dá chíos  

Coméntame o meu amigo Luís Cachafeiro unha expresión (Boca pecha non teme o que veña) dun dos protagonistas do conto de Ánxel Fole O tesouro. Ramón, o criado do pazo de Louxío, di nun momento: “A mellor palabra é a que está por dicir, como din os vellos. Boca pecha non teme o que veña”. Efectivamente, a segunda frase  asemella un refrán e Luís apunta ben cando  a achega ao español En boca cerrada no entran moscas. A min gústame  tamén máis a frase do Ramón, e vexo no dicionario de Eladio Rodríguez Boca pechada é forte coma unha muralla, un refrán que viría corroborar o carácter tradicional da frase do conto.


Coa palabra boca fórmanse en galego e na maioría das linguas un amplo feixe de locución idiomáticas e frases feitas que non podemos detallar aquí; fundamentalmente están centradas na boca como como lugar da comida (ser de boa boca, por exemplo) ou como lugar da fala (calar a boca). Así andar na boca da xente, na boca de todos ou de boca en boca é figurar nas conversas de moitas persoas, atraer a atención pública. Enchérselle a boca con algo ou ter sempre na boca unha cousa ou un asunto denota unha persoa estar falando constantemente diso. Dicir coa boca (ou a lingua) pequena é facer un comentario en voz baixiña, só para quen fala, ou sen facer moita énfase, como se non se tivese fe no que que se di. Pola contra, á boca chea significa falar dando a máxima publicidade, pregoar aos catro ventos. Un (ou unha) boca podre, boca rota ou boca rachada é alguén que fala con frases fortes, consideradas fóra de ton, expresións inconvenientes, mal vistas na sociedade.

 

Naturalmente, en moitas locucións, mesmo figuradas, consérvase o sentido de boca como parte da cabeza: chegarlle a alguén a auga á boca é atoparse nunha dificultade extrema; dicir, contar, algo de boca a orella é falalo dunha maneira totalmente confidencial, dicir algo de boca para fóra é transmitilo sen restriccións, á luz de todos. E facer da boca cu é mudar totalmente de opinión, soster o contrario do que se mantiña antes, faltar  á súa palabra; é equivalente á expresiva frase española Donde dije digo, digo Diego.

 

O castelán no decir esta boca es mía sería en galego non dar chío, paralela ao español no decir ni pío.

 

Reparemos na diferenza que establecemos cando utilizamos dicir/falar/dar fala, etc. e cando utilizamos botar. Comparemos O que tal botou por esa boca! con O que tal falou!  A primeira frase ten unha carga negativa evidente, e a locución non precisaría utilizar a palabra boca: Non fixo máis que botar por ela todo o día. Por iso dicimos É un bota por ela falando dun presumido e fanfarrón

 

E coa nesma retrucámoslle nós para llo recriminar:

 

-Bota por ela, Xan de Varela!



x