PALABRAS CON MEMORIA

Da casa, do fogar, do lar, da morada, da poubea...

Da casa, do fogar, do lar, da morada, da poubea...

Arranchar.- (Ademais doutros significados) Preparar un lugar con todo o necesario. Emprégase na linguaxe mariñeira para encher os barcos con todo o necesario para a marea (víveres, gasoil, aparellos,...), e tamén, por similitude, para o fogar. Exemplo: “Pola tarde arranchamos, e marchamos para o mar despois de cear”.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

Azaguán.- Vestíbulo, entrada da casa. Exemplo: “Pousei as bolsas no azaguán cando cheguei.”

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Lorena García Costa./ CPI O Cruce de Cerceda.

Albeado.- (Ademais de significados xa recollidos). Dise do que está excesivamente limpo, que reloce. Exemplo: “Estivo toda a tarde limpando na casa e quedou todo albeado”.

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Trapela.- (Ademais dos significados xa coñecidos). Porta no chan das casas onde se gardan os zapatos e diversos cachafellos.

Lugar de escoita.- Valdeorras.

Fonte.- Ánxeles Ferrer.

Subeiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Alboio na entrada principal da casa.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Ruño.- Agrupación pequena. Se é de casas, ten un significado semellante a rueiro. Arruñar, verbo derivado, tería o significado de xuntar, agrupar. Exemplo: “Ruño de pinos”, “Ruño de xente”.

Lugar de escoita.- Feás- Aranga(A Coruña).

Fonte.- J.L. Couceiro.

Rusa.- Zapatilla pechada por tras para andar pola casa.

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.