COMO DICILO?

Da testa ao rabo (ou viceversa)

Da testa ao rabo (ou viceversa)
O rabo é o pior de esfolar
O rabo é o pior de esfolar  

O rabo, a parte derradeira do animal se imos de enriba a embaixo ou de diante para atrás, pódese comer ou non, mais está claro que entrementres siga aí, a cousa non está rematada. Aínda está o rabo por esfolar dinos a frase tradicional significándonos que non está completado o labor ou que o resultado dun asunto aínda se podería revirar. É como se, prudentemente, dixésemos "Aínda non se pode cantar vitoria", "Aínda hai moito que falar", ou, nun contexto de xogo ou de competición deportiva, "Aínda está a pelota no tellado", "Aínda non rematou o partido". O resultado é aínda incerto. Porque igual ese tramo final pode ser o máis difícil. O rabo é o pior de esfolar, din os portugueses e explican a frase "a parte final de uma tarefa é a mais trabalhosa".

 

No outro extremo do corpo está a cabeza ou testa, palabras que podemos utilizar como sinónimas aínda que propiamente a testa é a zona dianteira da cabeza entre as tempas. Na cabeza está o cerebro e esa sería a sede do siso e da intelixencia; por iso dicimos as veces de alguén que ten "pouca cabeza" e podemos dicir que é un/unha cabeza de vento, unha cabeciña tola , unha chaviña louca. Son equivalentes galegos do castelán cabeza de chorlito. Como é sabido, o chorlito é un paxaro e nós atribuímoslle ese mesmo carácter a outro: é un bubelo/unha bubela dicimos de alguén falto ou falta de sentidiño.

 

Conectaremos agora as dúas zonas do corpo a través da locución española "la pescadilla que se muerde el rabo".

 

A pescadilla é o exemplar novo da merluza, do peixe que en galego denominamos pescada ou peixota. É moi tradicional a preparación dos exemplares novos da pescada, os que nós chamamos carioca, fritidos co rabo na boca, formando un círculo. E, visto que nese círculo podemos estar dando voltas e voltas sen vermos a entrada por onde comezarmos a comer, creouse unha frase metafórica para denominar a cuestión, a situación, que nos fai dar voltas e voltas sen fin porque non ten saída. É o que chamamos, cunha expresión máis culta, un círculo vicioso. A expresión popular galega é ben bonita: a carioca que leva o rabo na boca.

 

E rematamos lembrando, tamén nunha volta cara atrás, unha formuliña tradicional do xogo infantil que empregabamos cando eu era neno e que probabelmente segue viva. Para escoller quen pandaba, un dos rapaces ou rapazas ía recitando mentres sinalaba sucesivamente os outros: "Rabo de cocha (ou de vaca ou de boi), rabo de besta, dixo meu pai que estaba nesta".

 

Ter o porco polo rabo é ‘dominar unha situación’ e equival ao español tener la sartén por el mango.

 

O cocho, ou porco, un animal que moitos consideran case perfecto pois del aprovéitase todo : do rabo até o fociño.

 

Porque, como respondeu aqueloutro,  a quen lle preguntaban cal era a ave máis gorenteira: « -Ai, se o porco voase ! ».

 

 

Mais, daquela, se cadra non o dabamos pillado.



x