PALABRAS CON MEMORIA

Daquela maneira tamén é unha maneira de facer

Daquela maneira tamén é unha maneira de facer
Andemos con tino para non nos malvar
Andemos con tino para non nos malvar  

Cebolear.- Facer algo rapidamente, sen poñer moito interese no seu remate.  

Exemplo: “ “Non ten ganas de facer boa letra, sempre cebolea cando escrebe”.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

 

Estrelouzar.- Facer ruído cos dentes ao roer unha cousa dura.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Gañir.- Renxer, facer ruído as portas ou as camas cando son vellas.

Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.

Fonte.- Miguel Hernández Viñas.

 

Malvar.- (Ademais de significados xa rexistrados). Mancar, facer dano. 

Exemplo: “Aínda te has de malvar”.

Lugar de escoita.- Carnota.

Fonte.- Nuria López Lago.

 

Rumbar.- (Ademais de significados xa rexistrados). Facer moito ruído un vehículo ao acelerar. Exemplo: “Para os rapaces de hoxe, o coche que máis rumba é o mellor”.

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa)

Fonte.- Mario Ferreira López.

 

Xibrar.- (Ademais doutros significados: afastar, asubiar) Facer cálculos e planos desmesurados e fóra da realidade. Alucinar.

Lugar de escoita.- Moraña e bisbarra.

Fonte.- Xosé Monteagudo.

 

Zarriñar.- Facer mal uso ou uso pouco profesional do oficio de carpinteiro. 

Exemplos de uso: "Se ides á cabana, non vos poñades a zarriñar"/”Non me zarriñedes nas zocas”/ “Quen me zarriñou a vara de alindar?”/ “Non facedes máis ca zarriñar”.

Lugar de escoita.- As Pontes.

Fonte.- Pepe López Souto. 

 

Outros apuntamentos.- Di o informante: “Dende neno non volvín a escoitala. É a reprimenda que botaba un carpinteiro artesán, construtor de zocas e sellas, cando alguén collía unha peza feita e se poñía a desbastala cunha navalla ou calquera outro utensilio! Case sempre ía dirixido aos pícaros, que neste caso non sabían o mal que se facía, ao poñerse a labrar unha zoca, sella, ou calquera cunca torneada”.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x