COMO DICILO?

De churras e de merinas

De churras e de merinas
Non confundamos isto con bugallos
Non confundamos isto con bugallos  

As cousas, os seres vivos, as accións, os conceptos, aseméllanse e mais tamén diferéncianse. É ben coñecelos axeitadamente para non confundilos, maiormente cando as semellanzas corren o perigo de nos enganar. Así, dúas linguas próximas, o galego e o español, ao seren dúas linguas románicas veciñas teñen concomitancias evidentes, mais tamén diferenzas que as caracterizan como dúas linguas distintas.

 

Comentamos nesta sección do Sermos Galiza casos de locucións galegas propias que son ás veces esquecidas, introducíndose en lugar delas locucións españolas “disfrazadas”. É o caso de confundir churras e merinas.

 

A frase orixinal (mezclar churras con merinas/confundir churras y merinas) recalca a diferenza entre as ovellas destas dúas razas casteláns, trasladando o sentido a que non debemos confundir cousas parecidas, mais só parecidas. E, como tampouco non debemos confundir linguas diferentes, non debemos empregar en galego a expresión calcándoa. Porque en galego –como insistimos sempre- temos as nosas propias locucións creadas ao longo de séculos.

 

Mesturar allos con bugallos é a nosa expresión equivalente que se ven empregando dende tempo inmemorial Non se deben confundir eses bulbos arredondados que son os allos con outras bolas xeradas por diferentes árbores e plantas como reacción ante determinados insectos e parásitos. En xeral, cando falamos de bugallo/bugalla (que recibe moitísimos outros nomes como coca, carrabouxo, bailarete, mazá do cuco, etc.) referímonos á excrecencia que se forma nos carballos.

 

Os bugallos (que deixaron en topónimos e en apelidos como Bugallo, Bugalleira, Bugallal ou Bugallido, proba da súa abundancia) foron utilizados nalgúns casos na medicina popular, na decoración de monumentos festivos coma os maios, ou sinxelamente como instrumento de xogo polos rapaces. 

 

Naturalmente, non debemos confundir allos con bugallos. Nin as churras casteláns (que son ovellas) coas churras galegas (que son galiñas, aínda que tamén usamos a palabra como apelativo garimoso para as rapaciñas).

 

E xa, se  mesturamos ou confundimos allos con cebolas é que andamos moito máis desencamiñados.



x