PALABRAS CON MEMORIA

Dereitos e tortos, virados e revirados [por Isidro Novo]

Dereitos e tortos, virados e revirados [por Isidro Novo]
En todo colectivo humano sempre hai algún xunguerraposas
En todo colectivo humano sempre hai algún xunguerraposas  

Acelindrar.- Poñer dereito, endereitar.

Exemplo: Voute acelindrar como non fagas o que eu che mando.

Lugar de escoita.- A Estrada, Vigo, etc.

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

 

Andavía.- (Ademais de significados xa rexistrados) Aplícaselle a alguén que cambia as súas opinións ou accións. Virachaquetas.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Ramón e Leonor Boix Gende./ CPI O Cruce de Cerceda.

 

Arreboullón.- Rolando, arrolando, dando voltas sobre si mesmo; arrebullón, arroulón, arroullón.

Exemplo: “Baixamos toda a pendente ao arreboullón”.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Endl Navia de Suarna (Kike de Vidal)

 

Bragar.- Pandarse ou torcerse unha viga ou puntón.

Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Cha).

Fonte.- Antonio Eimil.

 

De bloco.- Envorcado/a, utilízase cando algo está dado a volta, co de riba para abaixo. Exemplo: “Estaba o coche de bloco”.

Lugar de escoita.- A Cañiza, Arnoso (Ponteareas)

Fonte.- Toni Machado.

 

Enlear o palangre.- (Expresión. Figurado) Enredar, darlles voltas ás cousas de mala maneira.

Lugar de escoita.- O Berbés (Vigo)

Fonte.- Marta Dacosta.

 

Xunguerraposas.-Adulador, lambecús, pelota, virachaquetas.

Exemplo: “É un xunguerraposas, non é moito de fiar”.

Lugar de escoita.- Escudeiros –Ramirás (Ourense)

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

 

......................................................................................................

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x