COMO DICILO?

Dez ou doce

Dez ou doce
Relevo dos 12 traballos de Hércules
Relevo dos 12 traballos de Hércules  

Naturalmente, cando nos referimos a unha cantidade exacta non podemos confundila: dez unidades son ben distintas de doce. Ou o que é o mesmo, unha decena  distinta a unha ducia.

 

Na actualidade prima entre nós o sistema métrico decimal: múltiplos e divisores fanse a partir da base 10 para as distintas medidas de lonxitude, de peso, de volume, etc. Este sistema é recente, adoptado  en distintas datas segundo os países, a partir de 1875, e representou un avance debido á súa unificación pois anteriormente superficies, pesos, volumes de sólidos ou de líquidos, etc. movíanse nun maremagnum con diferenzas  ás veces radicais  -non só de denominación, senón de concepto- entre países diferentes.  E nun mesmo país a discrepancia entre terras podía ser importante: lembremos o ferrado de terra galego, que dunhas bisbarras a outras oscilaba normalmente entre 400 e 600 m2, podendo mesmo nalgunhas ter menos de 100 e noutras máis de 700.

 

No sistema anterior ao decimal (aínda vixente nalgunhas zonas do mundo) abundaba a base 12. Parece que este milenario sistema se orixinou a partir da observación de que no ano vén habendo unhas 12 lúas. Neste sistema, a contabilidade que se leva na man faise sinalando co dedo pulgar enriba de cada unha das falanxes dos outros catro dedos.

 

No sistema anterior ao decimal (aínda vixente nalgunhas zonas do mundo) abundaba a base 12

 

A experiencia humana desta base deixou a súa pegada evidente na nosa cultura: as doce horas, os doce meses, os doce signos do zodiaco ou da astroloxía chinesa, os doce principais deuses do Olimpo grego, os doce traballos de Hércules, as doce tribus de Israel, os doce apóstolos, os doce pares de Francia, etc.

 

Moitos produtos foron tradicionalmente vendidos por ducias, costume que se vai perdendo, aínda que persisten, teimudos, os ovos. E se botamos unha ollada atenta no supermercado atoparemos en doce unidades (ou en fraccións de 6) modernos paquetes de cervexas, refrescos, zumes, envases de leite, auga mineral e moitas cousas máis.

 

En calquera caso, en galego, cando nos referimos a unha cantidade aproximada e indeterminada, seguimos preferindo falar de ducia e non de decena. Tanto falemos dunhas poucas ducias como de ducias de miles.

 

Debemos, daquela, empregala así, pois segue a ser igual de moderna.

 



x