PALABRAS CON MEMORIA

Diversos continentes sen tocar a xeografía

Diversos continentes sen tocar a xeografía
Eis está o pertegal, a parte do carro en que se coloca a carga [Foto: Youtube]
Eis está o pertegal, a parte do carro en que se coloca a carga [Foto: Youtube]  

Calleiro de Noia.- É unha sobremesa pobre que se fai para aproveitar o pan vello e para realizala utilízase o calleiro dun animal.

Lugar de escoita.- Comarca de Noia.

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

 

Celda.- Lugar fresco para gardar o chicho (a carne) da matanza.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Engheo.- Saco aberto formando un cadrado sobre o que se poñen os feixes que se van coller e unha vez cheo átanse as esquinas en diagonal. Exemplo: “María trae un engheo de nabos na cabeza”.

Lugar de escoita.- Taboada (Lugo)

Fonte.- Lucas Rigueira Rey.

Outros apuntamentos.- A fonte resalta que non sendo zona onde se empregue a gheada, a palabra ten sempre o son ghe. Un caso raro.

 

Foleca.- (Ademais de significados xa rexistrados) Saco de coiro de ovella ou cabra.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Mantela.-(Ademais doutros significados máis comúns) Saco aberto formando un cadrado sobre o que se poñen os feixes que se van coller e unha vez cheo átanse as esquinas en diagonal. Igual que engheo.

Lugar de escoita.- Punxín (Ourense)

Fonte.- Susana Méndez (Artemia Valeiras Pérez)

 

Pertegal.-Parte do carro na que se coloca a carga.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

 

Pousafoles.- (Sobre todo e ademais de significados xa rexistrados) Parte sobresaínte do muíño que serve para pousar os sacos. 

Exemplo: “Tráeme un saco do pousafoles”.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Anaíd Canedo Vicente./CPI O Cruce de Cerceda

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

 



x