PALABRAS CON MEMORIA

Do mundo vexetal, moito ben e pouco mal

Do mundo vexetal, moito ben e pouco mal
Imaxe dun cloco
Imaxe dun cloco  

Camborcia.- Caniborcia, caniborcio, canafrecha, canabrazos. Planta umbelífera que pode producir inflamacións e bochas na pel.

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

Outros apuntamentos.- Engade a fonte que, segundo o experto en flora galega Manuel Laínz, estase a falar da Heracleum sphondylium, moi presente en veigas de herba e lugares húmidos.

 

Cloco.- (Digitalis purpurea) Planta moi coñecida nos nosos montes que recibe ademais outros nomes, como dedaleira, dixital, alcroque, alicroque, estraloque, herba de san xoán, seoane, etc.

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

 

Cuco (pan de).- Herba amarela que nace no monte a carón dos piñeiros e que ao rompela segrega unha substancia pegañenta.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Belarmino Bello Villaverde.

 

Escampelar.- Quitar a zona de terra que ten herba para metela no rego (como se fose esterco).

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

 

Maraballo.- Herba usada tradicionalmente contra as picaduras de ortigas.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Nemarello.- A pequena área herbácea que rodea as fontes que atopamos no monte.

Lugar de escoita.- Baltar (Ourense)

Fonte.- Xesús Baños.

 

Zarrallela.- Leitarega, leituga, dente de león.

Lugar de escoita.- Zona do Picato (Lugo). (Entre Lugo e Pallares).

Fonte.- Suzana do Páramo.

 

.........................................................................................................

 

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x