COMO DICILO?

Drones ou drons?

Drones ou drons?
Un dron
Un dron  

Hai meses lera: "Drones da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) incorpóranse este mércores á busca do octoxenario".  E agora leo: "Na busca de drons que fagan a vendima". Daquela como é: drones ou drons?

 

E penso: "En galego deberiamos dicir drons, non si ? Porque na nosa lingua, o plural das palabras rematadas en –ón (león, camión, canción, etc.) faise en –óns (leóns, camións, cancións, etc.). Empregar o plural –ones debe ser un  españolismo".

 

De contadiño fago a pesquisa. E velaí o resultado :

 

1).- A palabra, como denominación dunha aeronave non tripulada e gobernada por control remoto ou automático, comezou a espallarse no século XXI.

 

2).- Trátase dun termo de orixe inglesa, que emprega metaforicamente a palabra tradicional drone, que naquela lingua denomina o abellón. O plural en inglés é drones.

 

3).- O normal nas linguas que reciben o préstamo é conservaren a forma drone  para o singular e faceren o plural seguindo as regras propias de cada lingua (portugués e francés drones, italiano droni, neerlandés dronen, etc). O español e o catalán optan na forma singular por dron e os respectivos plurais son drones e drons.  En galego, a Academia Galega non inclúe o termo no seu dicionario en liña, polo que resulta imposíbel coñecermos o seu criterio.

 

4).- As dúbidas -explicábeis na adaptación dun termo tan recente- non son exclusivas do galego. En italiano, por exemplo, mentres algúns dicionarios e enciclopedias en liña manteñen que a forma drone é invariábel e única para singular e plural, outros  -e a escrita que se atopa na Internet- distinguen o singular drone do plural droni, no que parece tratarse da asimilación do estranxeirismo á dinámica dos termos autóctonos. Canto ás linguas en proceso de normalización, o catalán, antes de optar pola parella dron/ drons, propuña a opción drone/drones, hoxe desaconsellada.

 

Parecería lóxico situar o galego na opción mais utilizada (e coincidente co portugués) do singular drone, o que implica un plural drones.

 

Agora anúncianse estes aparatos como solución milagreira para todo e non deberiamos mitificar antes de tempo esta útil ferramenta tecnolóxica. A min non deixa de me lembrar a rotunda afirmación da Xunta de Fraga de que xa dende aquel ano se ían practicamente rematar os incendios forestais grazas á utilización da vixilancia por satélite.

 

Porque parece que non foi tal.