COMO DICILO?

Enrugas

Un rosto famoso que vai das enrugas para as encollas
Un rosto famoso que vai das enrugas para as encollas  

Da palabra latina rūga ‘enruga da cara’ procede –como é doado constatar- o galego enruga/arruga ; simplemente se lle engadiu o prefixo en ou a. Actualmente a normativa só contempla como válida  a forma engurra e o verbo engurrar, aínda que como "menos recomendábel" admite o verbo arrugar. O portugués mantén o substantivo ruga  e os verbos rugar/enrugar (e admite variantes arruga, arrugar, etc.). 

 

A forma que triunfou popularmente en Galiza e que hoxe establece a normativa sufriu unha alteración, un desprazamento de sons dentro da palabra (o que en filoloxía se chama metátese) : enruga>engurra, enrugar>engurrar. Curiosamente, a normativa vixente utilizou en casos semellantes o criterio radicalmente contrario, como na expulsión da normativa do aceptado probe, forma con metátese no seu momento trunfante na fala e na escrita e actualmente substituído por pobre.

 

Queremos chamar a atención sobre un feixe de expresións populares que se relacionan coas engurras : Ir das engurras para as encollas que expresa moi ben o proceso de envellecemento do corpo, ou as máis sinxelas ir para as encollas ou ir para Val de encollas.

 

Como curiosidade sinalaremos que daquel latín rūga ‘enruga da cara’, por metáfora, pasouse a outra enruga, esta na superficie da terra, un suco entre vivendas, un camiño entre casas, unha rúa, que en rede forma un rueiro. Pois, si, velaí a orixe do galegoportugués rúa e do francés rue, unha enruga.

 

Enténdese ben agora a expresión tradicional andar (ou ir) de ruada, é dicir, de troula, de festa polos rueiros. Que tamén ten a variante ir de canella, co mesmo significado.

 

En galego triunfaron rúa e derivados (como ruela, rúa pequena e estreita) e son preferíbeis formas auténticas e tradicionais como rúa cega antes que calexón (ou canexónsen saída.

 

E, desde logo, é inaceptábel que importemos o españolismo arrugarse  co significado de ‘recuar, botarse atrás, achantar’. Por moito que empreguemos engurrarse segue sendo –con ese significado novo- un castelanismo manifesto.

 

Debemos estar sempre á espreita e non recuarmos na defensa da lingua, mellorando o noso galego e emendando as faltas que inevitabelmente cometemos pola invasión esmagadora da lingua allea.



x