PALABRAS CON MEMORIA

Enxoval da infancia

Enxoval da infancia
Un berce para acocorar os anicréns
Un berce para acocorar os anicréns  

Acocorar.- (Á marxe doutros significados) Agarimar, adormecer no colo unha criatura. Exemplo: “Todas as noites acocoraba a filla cunha canción dos seus avós”.

Lugar de escoita.- Escudeiros – Ramirás (Ourense)

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

 

Acomorentar.- Aloumiñar, acariñar. 

Exemplo: "A avoa non para de acomorentar a súa netiña".

Lugar de escoita.- Parroquia de Son (Navia de Suarna).

Fonte.- Raquel, membro activo de Endl Navia de Suarna.

 

Anicrén.- Nicrén, meniño moi pequeno. 

Exemplo: “Hai que mudar os cueiros do anicrén”.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Endl de Navia de Suarna (Rubén de Pol).

 

Currulo/a.- Emprégase para falar cos nenos con cariño e é doado que se empregue con diminutivo. 

Exemplos: “Vén aquí, curruliño!”/ “Que curruliño me é!”

Lugar de escoita.- San Roque (Vigo).

Fonte.- Begoña Caldas Rodríguez.

 

Pintado.- (Ademais de significados obvios) Dise do que semella moito a alguén, cuspido.

Exemplo: “Este neno é o seu pai pintado”.

Lugar de escoita.- Burela (A Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira López.

 

Rebixe.- (Ademais de significados xa rexistrados) 1. Remuíño do cabelo. 

Exemplo: “Non son quen de peitear este neno, tenche unha rebixe na fronte”. 

2. Bulebule, que non ten parada.

Exemplo: “Sempre che foi unha rebixe, nin de vella acouga”.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López. 

 

Rechinar.- O xogar dos nenos facendo travesuras.

Lugar de escoita.- Xuño, Caamaño, Queiruga, San Pedro, Porto do Son, Oleiros, Ribeira e Corrubedo.

Fonte.- José Antonio Brión.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x