O Estado nega unha subvención ao Concello de Teo por presentar un documento en galego

O Estado nega unha subvención ao Concello de Teo por presentar un documento en galego
Rafael Sisto, alcalde de Teo.
Rafael Sisto, alcalde de Teo.  

O goberno local fala de “grave vulneración dos dereitos constitucionais en materia lingüística”. Outros concellos poderían estar na mesma situación, como é o caso de Compostela.


O  Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía (IDAE), dependente do Ministerio de Industria, Energía y Turismo, desestimou unha solicitude do Concello de Teo para un proxecto de alumeado público por estar en galego un dos documentos que fan parte da solicitude. Ao coñecer esta negativa, o goberno local presentou alegacións á decisión dos responsábeis do IDAE o pasado 17 de xuño, incorporando o documento traducido ao castelán e razoando por vía administrativa que se trataría de todas maneiras dun ‘erro' subsanábel.

A resposta do IDAE chegaba 3 semanas despois, insistindo en que denegaba a solicitude (de tres millóns de euros) e mesmo achacaba ao concello teense “resistencia” a observar que a documentación se tiña que remitir en español. O alcalde, Rafael Sisto (Son de Teo-Anova) e a concelleira de Urbanismo, Vivenda e Sustentabilidade, Uxía Lemus, cualificaron de “escandalosa” a resposta e anunciou que esgotarán todas as vías administrativas para defender o proxecto. Con tal fin, a asesoría xurídica municipal está estudando as posibles medidas a tomar.

Ademais, anunciou que o goberno de Teo vai solicitar unha entrevista co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na que tamén requerirá a presenza do secretario xeral de Política Lingüística. Aliás, contactará, dixo, cos distintos grupos políticos do Parlamento de Galiza , para alén de acudir ás Cortes Xerais do Estado, recén constituídas, e á Mesa pola Normalización Lingüística. O goberno non descarta tampouco accións conxuntas con outros Concellos que probablemente teñan o mesmo problema. Nese sentido, Compostela podería atoparse na mesma situación. 



x