COMO DICILO?

A excepción e a regra

A excepción e a regra
Unha anduriña non fai verán [Foto: Blog do Grupo de Anelamento Anduriña]
Unha anduriña non fai verán [Foto: Blog do Grupo de Anelamento Anduriña]  

Dis que non hai regra sen excepción, ou que a excepción confirma a regra, mais non queremos traer aquí un debate sobre a razón ou a precisión deste aserto senón lembrarmos o principio de que, para establecer unha conclusión, é precisa unha importante cantidade de casos que a fundamenten. Unha vez non son veces, di a frase popular galega con moito siso.

 

 

Existe tamén un bonito refrán equivalente que nos vénn xa cando menos da cultura grega e que se basea na observación da vida cotiá e das mudanzas estacionais: Unha anduriña non fai verán. O dito aparece en numerosas linguas con moi pouca variación entre as distintas formas: nalgunhas versións fálase da primavera, noutras de unha mosca, etc.

 

Esa excepcionalidade é a que nos fai exclamar O meu can pillou unha mosca!  para sinalarmos que algo aconteceu por casualidade, que non é habitual. E maior evidencia ten a expresión así completada: O meu can pillou unha mosca. Cando pillará outra?

 

Xa que estamos aquí e falamos de posibilidades, repararemos na expresión española por si las moscas que parece motivada pola necesidade de manter cubertos os alimentos para que non se pousen estas neles. En galego non existe por se as moscas e o que nós dicimos é -xogando coa dupla posibilidade- polo si ou polo non.

 

Os humanos somos moi dados a tirarmos conclusións precipitadas sen unha experiencia suficiente que as avale e deducimos abusivamente, para ben ou para mal, a facilidade ou dificultade dunha acción, o carácter ou a maneira de actuar que lle apoñemos a unha persoa, etc. E apoiamos moitas veces a nosa xeneralización en refráns tradicionais como o que fai un cesto fai un cento.

 

Claro que fronte a un refrán tamén temos normalmente outro refrán ou dito para utilizarmos na súa contra: o contrarrefrán. E, daquela, ante a acusación xeneralizadora de que o  (ou a) que fai un cesto fai un cento, retrucamos nós argumentando: Por un can que matei xa me chaman matacáns.

 

Debemos tratar sempre ben os cans e os animais todos, que boa axuda nos dan, aínda que nalgún momento protestemos dicindo que fan como o can de Xan Torrado [que] canto fai cos pés desfaino co rabo.

 

E non será tanto, ho!



x