COMO DICILO?

Excepcional

Excepcional
"Manda Chover na Habana!"
Imaxe: Juventud Rbelde
"Manda Chover na Habana!" Imaxe: Juventud Rbelde  

Excepcional, extraordinario,  extremado, explosivo.

 

En galego, con frecuencia expresamos a nosa sorpresa, a nosa admiración –se cadra tamén a nosa contrariedade ou a nosa indignación- mediante un tipo de exclamacións que forman unha serie moi ampla. Formámolas a partir do verbo mandar : Manda truco ! Manda mecha ! Manda castaña ! Manda carai ! Manda chover ! e outros máis.

 

Se ben o pensamos,  estas exclamacións remiten a unha que contén unha palabra considerada « vulgar » : Manda carallo ! E, como non se considera socialmente correcta, nunha situación algo « coidada » substitúese na expresión esa palabra por outra. A palabra nova pode substituír á desprazada por dous procedementos : a) por semellanza co obxecto evocado, como en Manda nabo ! Manda mecha ! (evócase aquí un cartucho de dinamita) ou b) por semellanza co son da palabra « vulgar », caso de Manda carai ! Manda catano ou Manda castaña !

 

De creada a serie, estes procedementos de eufemización esváense moitas veces e non se dá explicado doadamente a orixe, como acontece, por exemplo, con Manda calor ! Manda truco ! ou Manda forza ! Ao final quedamos coa noción que interesaba : caracterizar un acontecemento extraordinario, insólito : Manda chover na Habana !

 

Podemos incorporar este asombro ou indignación a frases afirmativas  para indicar a intensidade :

 

            Mira ti que manda truco / Vai unha calor que manda forza/  É dun violento que manda nabo.

 

E de moito nabo, de moito raio, de moito catano, de moito pentello (transformado ás veces en pendello) e outras expresións dese tipo convértense tamén en eufemismos ponderativos, tamén marcadas por un destino « coloquial » pois tense presente a palabra que está detras delas.

 

En español, para sinalar a boa calidade, o excepcional dunha acción, cousa ou persoa, utilízase moito  ultimamente a comparanza como la copa de un pino, por exemplo en Es un jugador como la copa de un pino.  Unha boa equivalencia en galego sería  utilizar a expresión de moito rosmillo  (É un xogador de moito rosmillo).

 

O que nunca poderiamos empregar é a tradución literal do castelán dicindo É un xogador como a copa dun piñeiro.

 

Nin  mesmo que –encomendándonos ou non a Pondal-  digamos a copa dun pino.



x