Fronte común para pedir á Xunta que derrogue o 'decretazo' e cumpra a Carta europea das linguas

Fronte común para pedir á Xunta que derrogue o 'decretazo' e cumpra a Carta europea das linguas

Unha ducia de organizacións políticas – só se autoexcluiu o PP- escenifican no Parlamento de Galiza o apoio á moción conxunta que se presentará en concellos e diferentes institucións a prol do galego e impulsada pola Mesa.


Representantes dunha ducia de organizacións políticas compareceron esta segunda feira no Parlamento de Galiza para amosar o seu apoio á moción que se vai presentar nos concellos do país e en diversas institucións a favor da lingua galega. O acto, impulsado pola Mesa pola Normalización Lingüística, é, en palabras do seu presidente, Marcos Maceira, “a unidade das forzas políticas galegas en torno ao idioma”. Unha unidade na que se autoexcluiu o PP, segundo lembraron os presentes, dando así un paso atrás a respeito da súa presenza en xullo pasado no acto de Compostela no que todas as forzas políticas do país se comprometeron a abrir “unha nova fase” para pular polo galego.

Marcos Maceira: "Só o PP defende o decreto de plurilingüismo. Contra todos, mesmo contra Europa"

A moción preséntase a raíz do informe do Consello de expertos de Bruxelas, que por segunda vez saca as cores ao goberno de Núñez Feijóo polos seus incumprimentos en materia lingüística. Pídese na proposta que se elabore un novo decreto para o uso do galego e que se proceda a derrogar o actual. “En abril presentaremos as mocións aprobadas na sede do Consello de Europa, en Estrasburgo”, salientou Maceira. Para o presidente da MNL non fica dúbida de que “o decreto está morto”. Aponta que as críticas do Consello de Europa veñen a se sumar ás expresadas por axentes políticos, sociais e culturais. “Só o PP o defende, fronte a todos, mesmo fronte a Europa”.

Ana Pontón (BNG): "A política lingüística do PP é un esperpento xurídico"

“Falla de vontade”

Representantes das diferentes organizacións tomaron a palabra após Marcos Maceira. Xavier Xil Xardón (Anova) chamou o PP a “se sumar ao consenso” en torno ao galego e abandonar a traxectoria de “desidia, falla de vontade e prexuízos”, sobre un idioma que é “elemento de cohesión”. Ana Pontón (BNG), parabenizou á MNL polo traballo feito e cualificou a política lingüística do PP de “esperpento xurídico e ofensa á nosa existencia como pobo”. Para a parlamentar nacionalista é abondo clarificador que o propio Consello de Europa afirme que “a Xunta está gobernando contra a lingua galega”.

Xavier Xil (ANOVA): "O galego é un elemento de cohesión social"

“Reivindicar e defender que se respecte o galego” é o alicerce da moción que se vai presentar, opinou Fernando Alonso (Coalición Galega). Para Chelo Martínez (Cerna), unha mostra do desinterese do PP polo idioma é que no proxecto de lei de patrimonio cultural “non hai un só artigo sobre o galego, o noso principal patrimonio”. Un chamamento a “sumar o PP a prol do galego” foi o que fixo Manuel Bello (Compromiso por Galicia), que alertou da “crecente desigualdade no noso país entre galego e castelán” e que convidou a conquerir a implicación da sociedade na defensa do idioma.

“Aquí estamos xente de ideas moi distintas, unidos polo galego”

Xabier Ron (Esquerda Unida): "O decreto tratou a lingua propia como estranxeira"

Xaime Requeixo, de Converxencia 21, emprazou as institucións a “tomar nota” do informe do Consello de Europa, mentres que Xesús Manuel Suárez (Partido Galeguista) destacou a presenza no acto de “xente de todos os espectros e ideoloxías” na defensa “dunha cuestión de país”. Xabier Ron (Esquerda Unida) tamén parabenizou a MNL polo seu labor e manifestou que o 'decretazo', “tratou a lingua propia do país como unha lingua estranxeira”. O deputado dixo que “estamos aquí para defender algo lóxico”, como é “o dereito a vivir en galego”.

Puxo o ramo á rolda de intervencións dos representantes políticos María Concepción Burgo, do PSdeG, consciente de que “algo malo pasa cando temos que facer un acto como este”, salienando o “inaceptábel” de ter que “estar a defender a nosa lingua no noso propio país”.

María Concepción Burgo (PSdeG): "Algo malo pasa cando temos que facer un acto como este”

Para alén dos presentes, tamén apoia a iniciativa Alternativa dos Veciños e Terra Galega. Podemos, segundo confirmou A Mesa, confirmara asistencia, embora no acto non participou ningún representante do partido.



x