“O galego fainos únicos”: deportistas como Sergio Álvarez ou Sofía Toro defenden máis presenza da nosa lingua no deporte

“O galego fainos únicos”: deportistas como Sergio Álvarez ou Sofía Toro defenden máis presenza da nosa lingua no deporte

Os XX Encontros de Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega analizan a situación da lingua no deporte, tanto profesional, como de base ou tradicional. Deportistas, lingüistas, afeccionados danse cita 12 e 13 de abril para debater sobre a realidade lingüística e achegar propostas.


“O galego para min é moi importante. Hai que coidalo e defendelo, fainos únicos”. Afírmao Sofía Toro, campioa olímpica de Vela. Para Sergio Álvarez, ‘O gato de Catoira’, porteiro do RC Celta, falar galego “é un plus”  no contacto como xogador coa afección. “A historia do Celta está aí, naceu para representar Galiza e [o clube] está involucrado co galego”. E Nidia Iglesias, medalla de bronce no Mundial de Patinaxe Junior mantén que cómpre rachar prezuízos e “nunca o galego foi un problema na miña traxectoria deportiva”Borja Golán, campión de España de Squash 2018, que  participa en competicións por todo o mundo mantén que "falo galego sempre que podo, tamén en torneos cando vou a Portugal ou Brasil"·. 

 

Son frases extraídas dos vídeos que co cancelo #Odeportefalagalego promoven e animan a participar nos XX Encontros de Normalización Lingüística organizados polo  Centro de Documentación Sociolingüística de Galiza (Consello da Cultura Galega) e que nesta edición decorren co título ‘Paso a paso, man con man, deporte e lingua’. Serán 12 e 13 de abril.

sofia toro

“Fala galego o deporte galego?”

 

“Poucas actividades crean vínculos e símbolos con tanta rapidez coma o deporte, tanto entre os participantes coma entre o público; poucas son capaces de  xerar ou reforzar as identidades colectivas do xeito en que o fai un éxito deportivo, propio ou do noso equipo, por pór só un caso. Mais, fala galego o deporte galego? Sexa cal sexa a resposta, como e por que?”, explícase na información sobre o Encontro.

 

Unha cita na que participarán deportistas como o propio Sergio Álvarez, o exciclista Ezequiel Mosquera, ou Borja Golán -xogador profesional internacional de squash- . Mercé Barrientos, ex-presidenta da Federación Galega de Taekwondo, presidenta de Mulleres Deportistas Galegas

 

Persoas do mundo da comunicación como Sergio Delpont, xornalista da TVG, José Carlos Bastos, xefe de prensa da Fundación Celta de Vigo; Mila Alonso, responsable de comunicación das federacións galegas de balonmán, tríatlon e taekwondo; ou  Óscar Losada, editor de O Dez Zona Press.

 

Tamén estarán representantes do deporte de base e tradicional, como Manuela Places, delegada do Club de Remo Cabo da Cruz; Moisés Iglesias, presidente do Club A Cambadela de loita tradicional galega; Mario Rodríguez, presidente da Asociación “Xogos Tradicionais de Compostela. E non faltarán voces do mundo do ensino.

 

Fortaleza

 

Na presentación do programa dise: "Que o deporte galego fale galego é unha fortaleza. Por iso recorremos a protagonistas para que compartan connosco a súa experiencia lingüística en relación co uso/non uso da lingua galega: tanto deportistas de varia tipoloxía (profesional e de afección, de elite e de base, de deportes de masas e tradicionais...) como persoas do ámbito do adestramento, representación federativa e de clubs, responsabilidade institucional, ensino, formación, comunicación, administración, xestión...[...]. Voces plurais, visións complementarias, que nos axudarán sen dúbida a coñecer desde dentro a realidade da práctica lingüística en galego no mundo do deporte, as luces e as sombras, as ocasións e as dificultades...; e, sobre todo, a deseñar actividades e proxectos para lograr un uso normal da lingua de Galicia no deporte galego".

 

Fotografías: Sergio Álvarez e Sofía Toro



x