O galego suma puntos na contratación de publicidade do Concello de Ames

O galego suma puntos na contratación de publicidade do Concello de Ames

Ames presentou as bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional do Concello, unha iniciativa pioneira que busca regular o investimento municipal neste ámbito. 


Isabel Vaquero, concelleira de Comunicación de Ames, explica que se trata dunha iniciativa pioneira en Galiza xa que xeralmente non existen bases específicas para a contratación de publicidade institucional.

 

Entre os criterios para escoller os medios de comunicación que se contratarán expostos nestas bases atopamos a difusión e a audiencia do medio, as tarifas, a calidade, a elaboración de noticias e a responsabilidade social. O feito de estar escrito en galego sumará tamén puntos á hora de escoller onde investir en publicidade, criterio co que se busca regularizar un espazo informativo na nosa lingua.

 

Con estas bases orientadoras, “establécese un procedemento para que os medios presenten a súa documentación”, explica Vaquero. Os obxectivos da iniciativa son regular a contratación, garantir a racionalidade no gasto, dotar de transparencia todo o proceso e permitir a fiscalización e, por último contribuír a que se consolide un espazo informativo en galego.

 

A presentación do proxecto correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, e da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero. No acto tamén estiveron presentes Xaime Leiro en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Xurxo Salgado, pols Asociación de Medios en Galego



x