Galicia Bilingüe carga contra as peñas do Celta por apoiar o “monolingüismo obrigatorio”

Galicia Bilingüe carga contra as peñas do Celta por apoiar o “monolingüismo obrigatorio”
aficion_balaidos_celta
aficion_balaidos_celta  

Acusa a Federación de Peñas de impoñer o galego a seareiros celtistas de Guadajalara e cualifica de “delirante” que esta entidade teña como lingua de comunicación o galego.


Celtistas ficando sen entrada para ver un partido en Balaídos por non falar galego, seareiros da equipa celeste sen poder acceder a material promocional do clube por se expresar en castelán, xente de Guadalajara afeccionada á equipa viguesa e á que se obriga a comunicarse en español... Así é a apocalipse que describe Galicia Bilingüe na súa nova cruzada, desta volta coas peñas do Celta como albo da súa particular teima galegófoba.

 

O vindeiro 19 de agosto hai asemblea da Federación de Peñas do Celta (FPC). Na anterior cita asemblearia decidiuse por unanimidade facer do galego a lingua de comunicación da Federación, algo que non provocou problema algún nin cos seareiros nin coas peñas celestes, tivesen estas por lingua de uso o idioma propio de Galiza ou o castelán.

 

Unha peña de Guadajalara (Celtiñas Arriacenses) publicaban recentemente un post na súa conta de Facebook  no que expresaban a súa preocupación: temían que fose obrigatorio comunicarse en galego coa FDP. Aclaraban que eles non eran galegos nin descendentes de galegos e chegaban a manifestar a súa preocupación por poder acabar expulsados da propia  Federación.

 

De pouco importou que a través das redes múltiples peñas desbotasen preocupacións e temores infundados dos celtistas de Guadalajara, explicando e aclarándolles que o feito de que a FPC se dirixise ás peñas en galego non implicaba obrigatoriedade algunha para que estas tivesen que responder nese idioma. De feito, moitas peñas empregan o castelán nas súas comunicacións coa Federación e o Club sen ningún tipo de problema.

 

Mais pouco importaron explicacións e aclaracións a Galicia Bilingüe, que presta decidiu entrar en combate na defensa non só dos celtistas de Guadalajara senón, nada máis nin nada menos, da “liberdade”. “Obligan a una peña de l Celta, que es de Guadalajara, a usar el gallego”, afirma esta asociación. A través das redes sociais  acusou as peñas de “monolingüismo obrigatorio” por impoñer o galego ao tempo que chamaba a “acabar con esta situación delirante” e exixía que o español pasase ser idioma de comunicación para o celtismo.



x