Galicia Bilingüe impulsa unha ILP para todo o ensino ser en castelán

Galicia Bilingüe impulsa unha ILP para todo o ensino ser en castelán
Imaxe dunha manifestación de Galicia Bilingue
Imaxe dunha manifestación de Galicia Bilingue  

Gloria Lago presentou esta iniciativa canda representantes da Asociación para la Tolerancia (Catalunya) e Fundación Círculo Balear (Balears). As tres organizacións fusionaranse na plataforma ‘Hablemos Español’ coa finalidade de combater “a mal chamada normalización lingüística” que eles cualifican como ‘timolingüismo’.


Galicia Bilingüe, a catalá Asociación para la Tolerancia e Fundación nacional Círculo Balear presentaron en Madrid unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para ‘blindar’ o español no ensino e administración fronte ao que cualifican como ‘timolingüismo’, en referencia aos procesos de normalización lingüística do galego, vasco e catalán. A Mesa do Congreso deberá decidir se admite ou non a trámite esta ILP. 

 

Na comparecencia de imprensa, os representantes destas organizacións afirmaron que baixo o paraugas do “bilingüismo ou trilingüismo” o que na realidade se produce é unha “inmersión lingüística” na lingua propia dese territorio ao tempo que se marxina e empeora o ensino en español. Entre as propostas recollidas na ILP figura a posibilidade de estudar todas as asignaturas en español, a presenza do castelán en todos os documentos da administración, educación, sanidade, en sinais de tráfico... así como que se restitúan os topónimos en español de “longa tradición histórica”.

 

Lingua de segunda

 

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, preguntado por Sermos Galiza, considera que esta iniciativa supón “un retorno a esa tradición” política existente no Estado español e que “considera estranxeiras as linguas propias de cada territorio”, para alén de as tratar como “linguas de segunda, carecentes de calquer dereito”.

 

Maceira lembra que esta ILP é contraria a acordos internacionais asinados polo Estado español, como a Carta Europea de Linguas, e mesmo dubida de que sexa constitucional, “se ben todos sabemos que a Constitución estírase como un chicle segundo interese ou non”.  O presidente da Mesa fai fincapé en que estas entidades carguen agora contra o “trilingüismo”, “empregaron o inglés como escusa contra o galego no ensino, e agora desenmascáranse”. E, finalmente, indica que o feito de esta ILP ser ou non aceite pola Mesa do Congreso é unha “decisión política” que vai evidenciar o posicionamento das diferentes formacións a respeito das linguas propias da Galiza, Euskal Herria e Catalunya.



x