“Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano”

“Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano”
[Imaxe blogdehípica.wordpress.com]
[Imaxe blogdehípica.wordpress.com]  

A Mesa denuncia o "maltrato" lingüístico dunha crianza no Centro Hípico Casas Novas (Arteixo) e exixe a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 


 

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou através dun comunicado de imprensa esta segunda feira os comentarios discriminatorios padecidos por unha usuaria do campamento de verán organizado polo Centro Hípico Casa Novas de Arteixo. 

Axiña o acontecido fixo ferver as redes sociais. Desde A Mesa exixen a intervención da Secretaría de Política Lingüística e apelan á "obriga legal" desta institución na defensa dos dereitos lingüísticos. 

E é que unha das monitoras do centro dirixiuse a unha das crianzas do campamento, de dez anos, que lle falou en galego dicíndolle que se explicaba "mal" por empregar a lingua propia de Galiza. “Es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así”, chegou a dicir a traballadora responsábel dun dos obradoiros. 

“Aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano”, afirmou unha das monitoras

Segundo relatou a nai da crianza á Mesa pola Normalización Lingüística através da súa liña de denuncia na rede "a nena queixouse desde o primeiro día de que a facían sentir mal por falar galego, preguntándolle constantemente de onde era e por que falaba galego… mais esta presión inicial foi a máis por parte das propias monitoras". 

As cousas non melloraron senón que foron a peor con outras monitoras que chegaron a lle dicir á nena, “yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano”. “Aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano”, insistiu. 

Despois dunha semana na que a nena se sentía continuamente desprezada e humillada pediulle á súa nai non continuar asistindo ao campamento. A nai da rapaza trasladoulle esta situación a varios encargados do Centro de Hípica Casas Novas e a única resposta que lle deron foi “no le des importancia”, “tienes que entender que aquí no todos hablan gallego” ou “será porque no la entienden”, explican desde A Mesa. 

A Mesa instou a familia a denunciar perante o Instituto Galego de Consumo e exixiu a intervención da SXPL

Para o presidente da asociación en defensa da lingua, Marcos Maceira, “é completamente intolerábel que en 2015 os nenos e nenas galegos teñan que aturar este tipo de actitudes racistas, e máis por parte de presuntas “educadoras”, pero o máis incríbel é que os responsábeis do centro asuman como normal este tipo de maltrato aos nenos que acoden aos seus campamentos”. 

Neste senso, após faceren público o caso, exixen a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística como garante dos dereitos lingüísticos. Aliás, animaron a familia a interpor unha denuncia contra o Centro Hípico perante o Instituto Galego de Consumo pola humillación sofrida. 



x