A ILP en apoio ao galego nas relacións comerciais supera as 20.000 sinaturas

A ILP en apoio ao galego nas relacións comerciais supera as 20.000 sinaturas

A Sección Sindical da CIG en Bosch entregou as 1000 sinaturas recollidas entre as traballadoras e os traballadores desta empresa, en apoio á ILP que a Mesa pola Normalización Lingüística promove en defensa dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.


A iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico supera xa as 20.000 sinaturas de apoio. Así o manifestou esta sexta feira en Vigo o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, durante o acto no cal a Sección Sindical da CIG en Bosch entregou as 1000 sinaturas recollidas entre as traballadoras e os traballadores desta empresa, en apoio á ILP que a Mesa pola Normalización Lingüística promove en defensa dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

 

A ILP “está a ter unha aceptación enorme por todo o país”, manifestou o presidente da MNL, que lembrou que hai máis de 500 disposicións legais para obrigar e defender que o español “estea presente” mentres que no caso de galego apenas son media ducia “e nin sequer se cumpren”. Maceiras, que calculou que até o final da campaña de recollida de sinaturas, en setembro, se poderán acadar as 25.000 firmas, destacou a importancia desta ILP en base a tres eixos. O primeiro, no que atinxe aos traballadores. “O galego mantén empregos”, sinalou, algo que a responsábel do sector dos centros de chamadas da CIG, Laura Pérez Figueroa. “Se a xente demanda atención en galego, iso é emprego”. Puxo o exemplo de Vodafone Comercial, con 264 empregos, e que de Vigo foi deslocada a Madrid, Sevilla e Colombia. De pedir usuarios atención en galego, “ficaría aquí”.

 

Outro dos eixos da ILP son os propios consumidores, que teñen dereito a que o seu idioma estea presente nas relacións comerciais. E o terceiro, os propios empresarios, cunha aposta polo idioma propio de Galiza. Nesta liña, Maceiras destacou que as miles de sinaturas recadadas indican que “hai demanda” de galego e instou a Xunta a actuar, pois ten a lexislación que lle permite facelo.

 

Catro artigos

 

A ILP consta de catro artigos: o primeiro, sobre o dereito das persoas consumidoras e usuarias a recibiren en galego toda a información, documentación e contratos sobre produtos e servizos, así como a seren entendidas e atendidas no idioma de Galiza polas empresas que lles prestan servizos ou subministran bens no nos país.

 

O segundo artigo, dirixido as empresas que prestan servizos ás administracións públicas e ás entidades do sector público autónomo e local de Galiza, para que inclúan o galego na atención ao público. Un terceiro, refírese á opción de facer unha valoración adicional de todas aquelas entidades que promovan a normalización da lingua e que preguen a contratación de servizos da administracións pública galega. O cuarto e último punto diríxese ao Goberno galego, para que desenvolva unha campaña de concienciación cidadá nos medios de comunicación, con especial atención nos de titularidade pública.



x