NO NÚMERO 245 DO SEMANARIO

Valentín García e Marcos Maceira debaten para Sermos sobre a inmersión lingüística

Valentín García e Marcos Maceira debaten para Sermos sobre a inmersión lingüística
Marcos Maceira e Valentín García
Marcos Maceira e Valentín García  

A poucos días de conmemorar o 17 de maio, publicamos no Sermos245, xa na rúa, o debate entre Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística ao redor da inmersión lingüística. Preguntámoslles se é o sistema acaído para promover o galego na escola. Eis aquí un avanzo do debate. VÍDEO NO INTERIOR.


Sermos Galiza. Debe haber inmersión lingüística nas aulas da Galiza?

Valentín García. Eu creo que na Galiza non é o máis axeitado pola proximidade entre o castelán e o galego e porque supón segregar parte da comunidade educativa, das rapazas e rapaces que asisten ás aulas en varias liñas distintas, en varios modelos que habería que implantar de inmersión, e porque o sistema que temos está a dicir continuamente que o noso alumnado ten competencia suficiente en lingua galega para poder desenvolver unha vida cotiá nesta lingua. Outra cousa é o problema do uso, que non fai uso dela, pero o uso non nolo dá o ensino, senón a sociedade.

4Marcos Maceira. No caso do galego, a inmersión lingüística equivale a falarmos de ensino en galego. Na nosa realidade galega, fóra de que a lexislación fala de progresividade na introdución do galego dentro das aulas, non só non hai ensino en galego, senón que o que temos é o contrario: unha presenza esmagadora do castelán nas aulas galegas en contextos nos que ademais non é posíbel que o alumnado teña contacto coa lingua máis alá do centro de ensino. É imposíbel facer a vida en galego, e o sistema educativo, en vez de incorporar o galego nun espazo onde o alumnado pasa grande parte do día, expulsa máis o galego do sistema educativo. Hai pouco tiñamos unha reunión contigo e co conselleiro de Educación a respeito do que acontece coa LOMCE e a carga horaria de materias en galego no ensino.

Valentín. A Lei de Normalización Lingüística non só di o que apuntas, que o ensino da lingua ten que ser progresivo, tamén ten un artigo no que expresamente di que non debemos facer inmersión lingüística, que en ningún caso o alumno pode ser segregado por razóns de lingua. Os redactores desta lei sabían moi ben o que estaban dicindo.

Marcos. Iso [a segregación do alumnado por razón de lingua] evitouse recentemente grazas a un recurso da Mesa ao actual decreto.

Valentín. O decreto di que o ensino da lingua ten que estar equilibrado ao final de cada ciclo educativo, baseándose nun sistema que non está dando malos resultados, que é a atención personalizada e a responsabilidade do propio docente. Ti falas de comunidades educativas centradas nas cidades e é certo que evidentemente aí temos as necesidades máis perentorias de buscar máis exposición ao galego, mais tamén é certo que os centros que están na Galiza rural ou na vilega non teñen ese problema. Se imos a calquera centro educativo do rural podería argumentar en contra, a exposición ao galego é total.

Marcos. Non é así.

[Podes ler o debate íntegro no número 245 de Sermos Galiza, disponíbel na loxa e nos pontos de venda habituais]

 



x