COMO DICILO?

Inocente

Un intérprete de birimbao
Un intérprete de birimbao  

Inocentiño como un neno, unha nena de colo que está a dar as primeiras falas e o os primeiros pasos inseguros. Un nené ou unha nené, porque o xénero da palabra distínguese só polo artigo ou outro determinante: Mira ese nené / Bótalle un biquiño á nené.

 

Hai persoas que conservan a inxenuidade ao longo da súa vida e por ese exceso de candidez son caracterizadas, ás veces cun aquel de rexouba, como "ese é dos que cren nos paxariños preñados" indicando que cre calquera esaxeración ou mentira que lle conten, por máis incríbel que sexa

 

O mesmo valor ten a frase "ese é dos que empreñan polas orellas", é dicir, dos que "traga" todo o que lles digan, por moi antinatural que poida ser.

 

Por iso, cando queremos chamarlle a atención a alguén pola súa candidez ou advertilo de que nós mesmos estamos alerta ante o que nos intentan facer crer, dicimos aquilo de:

 

Ti pensas que os paxaros maman? Cómenche miñocas!

 

Crer todo sen máis, acriticamente, confundir cousas que son radicalmente distintas, pode tamén ser caracterizado –nun calco do español– como confundir o touciño coa velocidade. En galego temos para este suposto unha frase ben nosa, que é moi popular na lusofonía: pensar que o birimbao é gaita.  Podémola construír en forma interrogativa (Pensas que o birimbao é gaita?)  ou directamente afirmalo (Ti pensas que o birimbao é gaita). E tamén  podemos dar a mensaxe en forma de desmentido: O birimbao non che é gaita, que é un ferriño que toca. Naturalmente estamos en presenza de dous instrumentos tradicionais galegos: a gaita e o birimbao, coñecido como trompa en boa parte do país.

 

En fin, malia as diferenzas de músicas, de territorios ou de culturas, o mundo é substancialmente o mesmo. O refrán castelán en todas partes cuecen habas foi completado ironicamente  hai xa moitos anos, polo escritor catalán Noel Clarasó deste xeito: …menos en algunas tribus salvajes que las comen crudas. Humor que nos pon en garda ante un agromo de racismo e de engreído supremacismo europeo.

 

En galego, para significar que todo o mundo se asemella, vimos dicindo: Toda terra é país.

 

E mais é, non si?



x