Kiko da Silva e a Universidade de Vigo: 12 meses de humor e retranca contra os prexuízos sobre o galego

Kiko da Silva e a Universidade de Vigo: 12 meses de humor e retranca contra os prexuízos sobre o galego

A Universidade de Vigo dálle a benvida a 2018 cun novo calendario no que o humor combate os prexuízos cara ao noso idioma. Desta volta, o ilustrador é Kiko da Silva, que colle o relevo de O Bicheiro.


“-A este profesor no lo entiendo que habla un gallego muy cerrado

Home... É que ese é o profesor de francés”.

 

Este cadriño de Kiko da Silva acompaña mo mes de febreiro do calendario 2018 que vén de editar a Universidade de Vigo a través da súa Área de Normalización Lingüística e baixo o lema ‘Na universidade en galego, sen prexuízos”.

 

“- Mi hijo dice que le suspendieron las matemáticas porque las impartían en gallego

Canta razón ten! En galego 2+2 son 3... porque un emigrou”

 

Unha viñeta por cada mes do ano que se converten nun sorriso e unha reflexión por cada un dos 12 meses. En cada unha delas emprégase o humor para desarmar tópicos e prexuízos sobre o noso idioma e incentivar a falalo.

 

A idea é seguir a estela iniciada en 2017 co traballo do debuxante Luis Davila, que acadou cifras históricas de impacto en redes sociais, e continuar coa loita contra os prexuízos cara ao galego botando man do humor gráfico.

 

“Un reto que impón, pero que tamén ilusiona”. Así acolleu Kiko da Silva o encargo da Universidade para facerse cargo do calendario de 2018. “Desde o principio tiven claro que o mellor era empregar unha das fórmulas que ten o noso idioma para comunicar, a retranca”, explica o autor das viñetas de 2018, ao tempo que fai fincapé na importancia de “empregar o humor non só como fin de facer rir, senón de facer pensar e cavilar sobre a sociedade na que vivimos”.

 

Nesta ocasión editáronse 500 exemplares máis ca en 2017, facendo un total de 2000. A maiores, todas as persoas que estean interesadas poden descargalo en formato pdf na web da ANL.



x