COMO DICILO?

Ledo

Alegre como unha gaita
Alegre como unha gaita  

Ou alegre, que as dúas son palabras galegas. Ou –chegado o momento- tamén contento/contente.  E, naturalmente, en feminino: leda, contenta. Porque todo o mundo (case) o está en tempo de festa e Galiza segue a ser malia todo terra de festas, acolledora e ridente.

 

Alegre coma unha gaita, ou coma a gaita na festa, di a frase tradicional. E efectivamente, a gaitiña de fol continúa alegrando o país, de novo posta en estima polas xeracións mozas.

 

E máis o pandeiro, outro protagonista da alegría da festa. Alegre coma un pandeiro.

 

Tamén en español a alegría se evoca cun instrumento musical: alegre como unas castañuelas. En tempos pasados empregáronse en galego os castelanismos castañetas e castañolas  (que aínda se utilizan en portugués e o segundo deles aparece no dicionario da Academia Galega) mais hoxe o habitual, tanto no nome do instrumento como na frase comparativa é directamente o nome español: castañuelas.

 

Outra posibilidade, aínda, é alegre coma unhas páscuas. Trátase dunha frase de orixe claramente relixiosa que alude as páscuascelebracións cristiás (Páscua de Nadal, Páscua de Resurrección, Páscua de Pentecoste), momentos de alegría no ritual despois de tempos de mortificación, de privación e de oración.

 

Contento coma un cuco dí tamén a nosa tradición pois o cuquiño, a máis de ser símbolo de listura –e se cadra por iso- éo de fachenda e satisfacción.

 

Claro que o verdadeiro paradigma desa satisfacción máxima é o dun reiciño nun cesto que nos conta outra frase. Ía coma un reiciño nun cesto (ou coma un reiciño nun cesto río abaixo), que se cadra alude á historia do meniño Moisés deixado no río Nilo contada pola Biblia.

 

Antes falabamos  do ledo pandeiro, mais ollo: que non fagan de vós un pandeiro, porque entón mandan segundo lles pete, a capricho, nin que vos toquen o pandeiro, porque entón zóupanvos no cú.

 

O que non podemos permitir. A non ser que o pandeiro que toquen sexa de coiro de cacique.

 

Daquela si.



x