COMO DICILO?

Madia leva!

Madia leva!
Entre tanta xente madia leva non atopares alguén que sexa un levaetrai
Entre tanta xente madia leva non atopares alguén que sexa un levaetrai  

Madia leva, ou Madia che leva. Ou tamén Madia levas, madia ten e outras variantes. E mesmo co acento no i: Madía. Velaí unha construción ben galega e ben polivalente. E ben misteriosa canto á súa orixe. Imos só poñer tres exemplos antes de tratar de explicala :

 

1) – Por fin viñestes! Madia leva, xa pensei que vos esquecerades de nós!

 

2) –Na carreira quedei de segunda. –Madia leva, podes estar contenta!

 

3) –Tedes un fillo grandeiro. –Madia leva, tamén os pais non son pequenos ! 

 

Vemos, daquela, que a tradución está bastante aberta ao contexto: Menos mal!/ Que sorte!/ Era boa !/ Non faltaba máis! etc. E temos que estar ben atentos para ver se a din con retranca, con ironía.

 

Naturalmente, a exclamación pode non ir acompañada dunha frase que nos orienta do seu significado, Nese caso, só a situación, a entoación e  os acenos da persoa que a pronuncia serven de axuda.

    

Seguiremos o fío do verbo levar para aludir a algunhas locucións: Levar coso, ir a todo coso é equivalente a ‘levar presa, ir rápido’. Ao parecer é un termo de orixe marítima  (que procedería do latín cursu ‘carreira, navegación’ ao igual que o corso dos "corsarios") e que se aplicaba á sardiña cando corría polas nosas rías.

 

Andar, estar ou ir levado do demo é estar enfurecido.

 

Esa pera rabo leva afirmámolo cando  lle supoñemos unha intención retorta a algo que alguén acaba de dicir.

 

E un levaetrai  é unha persoa que anda sempre con seicas e díxomes, con lerias e comentarios sobre os demais, un contomiñeiro.

    

Unha frase bulreira, irónica, sería Ti que non podes, lévame ás costas para descualificar unha petición que consideramos excesiva.

 

E un dístico con alegre ritmo de muiñeira, tráenos agora a afirmación do poder da solidariedade :

 

    Ti que me levas e eu que me axudo,
    imos os dous  cabo do mundo

 

Subliñemos tamén o especial significado do verbo levar, moi usado en galego como ‘cobrar por unha transacción comercial’ (Que che levaron por eses zapatos?)

 

Coa mesma non deixaremos de lembrar os versos de Martín Códax co seu mar levado, o seu mar salido, o alto mar que tamén cantou Mendiño :

 

Ondas do mar levado
se vistes meu amado ?
e ai, Deus, se verrá cedo ?



x