PALABRAS CON MEMORIA

Maneira de ser dalgunha xente

Maneira de ser dalgunha xente
Somos moi distintos
Somos moi distintos  

Chenca/o.- (Ademais de significados rexistrados) Dise da persoa pusilánime, hipersensíbel, queixosa, que sempre pensa no peor e que quere suscitar compaixón, porque, segundo a súa visión, sempre ten peor sorte que ninguén.

Lugar de escoita.- Beade, Valadares (Vigo).

 

Escupiloso/a.- Persoa á que todo lle dá noxo, escrupuloso/a.

Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.

Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas.

 

Escutrulido/a.- Persoa escrupulosa. 

Exemplo: “Pepe non come nesta mesa porque apareceu unha araña na parede, é moi escutrulido para iso”.

Lugar de escoita.- Concello de Cervo (Lugo)

Fonte.- Mª del Pino Hernández Viñas.

 

Landuxo-a.- Dise da persoa que adoita facer mostras de afecto e cariño de dubidosa sinceridade e de xeito e intensidade que repugnan. 

Lugar de escoita.-  Pola zona de Ferrol (a fonte sinala A Capela como lugar concreto).

Fonte.- Xabier P. DoCampo.

 

Esporrido/a ou espurrido/a.- Persoa moi delicada, coa soleira do noxo moi baixo, lambido.

Lugar de escoita.- Comarcas de Lemos e Quiroga.

Fonte.- Xosé Manuel Fernández.

 

Soíza, soízo.- Persoa dada á soidade ou propensa á soidade. Como enfermizo ou namoradizo. Exemplo de uso: Sempre foi unha persoa moi soíza.

Lugar de escoita.- Beba (Mazaricos).

Fonte.- Silvestre Gómez Xurxo.

 

Valixeiro/a.- Persoa envexosa.

Lugar de escoita.- Vilagarcía de Arousa.

Fonte.- Laura Torreiro Ojeda.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

 



x