A Mesa denuncia que as aseguradoras Liberty e Caser Seguros se negan a realizar contratos en galego

A Mesa denuncia que as aseguradoras Liberty e Caser Seguros se negan a realizar contratos en galego

A organización critica un proceder que cualifican “claramente ilegal e sistemático”, que as compañías de seguros realizan “de maneira xeneralizada”. 


A Mesa informa que vén de coller unha denuncia contra dúas aseguradoras, Liberty e Caser Seguros, por “negar a posibilidade de facer un contrato en lingua galega a un cliente”, o que vai contra o que a lexislación vixente estipula. Unha denuncia que se produce apenas unha semana despois de que outra aseguradora, neste caso Génesis, anunciase que disporá de documentación en galego, tal e como lle obriga a lei, após a denuncia da Mesa.

 

Segundo A Mesa, a persoa afectada solicitou expresamente o contrato de seguros en lingua galega, tal e como ten dereito por lei. “Porén, ambas as dúas compañías negáronlle a posibilidade ao cliente de ter o seguro do vehículo en galego baixo a desculpa de “no emitimos ningún contrato ni documentación en esa lengua”.

 

Desde A Mesa denunciar un proceder que cualifican “claramente ilegal e sistemático”, que as compañías de seguros realizan “de maneira xeneralizada”. Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, a Xunta debe actuar “para protexer os consumidores e consumidoras”. Tamén instar a Secretaría Xeral de Política Lingüística a actuar. “Non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas, se trate á lingua propia como un dialecto e a Xunta non faga o máis mínimo”.

 

Desde A Mesa informan que notificarán a Liberty e Caser Seguros a obriga de cumprir co artigo 8 da Lei 50/1980, de contrato de seguro que especifica: “a póliza do contrato deberá redactarse, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalice. Se o tomador o solicita, deberá redactarse noutra lingua distinta, de conformidade coa Directiva 92/96, do Consello da Unión Europea, de 10 de novembro de 1992.”



x