Facenda a un contribuínte que reclamaba atención en galego: “A Constitución fixa o deber de saber o español”

Facenda a un contribuínte que reclamaba atención en galego: “A Constitución fixa o deber de saber o español”

A queixa foi recollida pola Liña do Galego. A Mesa lembra que a Axencia Tributaria é unha administracións que acumula varias protestas neste sentido.


A Liña do Galego recibiu unha nova queixa referida á Axencia Tributaria. Segundo relata A Mesa pola Normalización Lingüística, un contribuínte denunciaba que por primeira vez desde que facía a declaración, recibiu o borrador do IRPF en español malia escoller sempre a opción lingüística en galego. “Cando chamou ao teléfono de información xeral para comunicar a incidencia, a operadora que lle atendeu á chamada preguntoulle, nun ton desagradábel segundo relata o usuario, se non entendía o español. Recordóuselle que existen uns dereitos lingüísticos e a operadora respondeu que “la Constitución española fija el deber de conocer el castellano” e acto seguido limitouse a indicarlle que presentase unha queixa na oficina da Axencia Tributaria máis próxima”. A semana pasada isto xa acontecía con outro usuario de Facenda ao que se lle negaba tamén facer os seus trámites no seu idioma, engaden desde A Mesa.

 

A organización sinala que a Axencia Tributaria “é unha das administracións que máis negan a posibilidade de uso do galego ás e aos contribuíntes que queren usar a súa lingua nos formularios dispoñíbeis e teñen que dirixilos de novo á marxe dos oficiais”. Marcos Maceira, presidente da Mesa, afirma que este tipo de feitos “demostra que a Axencia Tributaria non ten ningún interese nin en cumprir a legalidade nin en dar a mínima opción a usar a lingua propia en trámites que ademais son absolutamente obrigatorios”. 



x