DENÚNCIAO A MESA

A Mesa denuncia que o Santander e Ministerio de Xustiza negan a posibilidade de pagar multas en galego

A Mesa denuncia que o Santander e Ministerio de Xustiza negan a posibilidade de pagar multas en galego

A Mesa denuncia atrancos para o uso normal da lingua galega por parte do Banco Santander e o Ministerio de Xustiza. A organización relata un caso denunciado a través do servizo Liña do Galego que aconteceu nunha sucursal de Ferrol o 1 de decembro. Un clienten quixo realizar o pagamento dunha sanción na conta do xulgado e solicitou expresamente poder asinar o resgardo da operación en lingua galega. “A entidade bancaria negoulle esta posibilidade dicíndolle que só podía facerse en español”.

 

O cliente acudiu entón á sucursal máis próxima ante a imposibilidade de xestionar en galego o pagamento dun trámite obrigatorio, “mais volveu acontecer o mesmo, chegando ao punto de non querer atendelo. O cliente nese momento solicitou unha folla de reclamacións para denunciar a discriminación á que estaba sendo sometido só por razón de lingua, documento que tamén tivo trabas para recibir”, indican desde A Mesa.

 

Para a Mesa tanto o banco como o Ministerio de Xustiza son responsábeis desta situación. “As actitudes discriminatorias do banco Santander e do Ministerio de Xustiza son inadmisíbeis e merecen ser sancionadas e reprobadas”, manifestou o presidente da Mesa Marcos Maceira. “Como pode ser posíbel que un galego sexa discriminado por solicitar documentos en lingua galega dentro de Galiza?” cuestionou.



x