A Mesa lamenta que a Valedora actúe como “curmá do Zumosol das institucións belixerantes co galego”

A Mesa lamenta que a Valedora actúe como “curmá do Zumosol das institucións belixerantes co galego”

“Milagros Otero actúa nas cuestións relacionadas coa lingua  galega cunha visión ideolóxica e sectaria empregando a institución para atacar e desprestixiar o uso do galego”, denuncia a plataforma.


A Mesa pola Normalización Lingüística pide á Valedora do Pobo, Milagros Otero, que deixe de empregar a institución para “desprezar a lingua e darlle amparo aos casos de vulneración de dereitos lingüísticos”.

 

A Mesa recibira recentemente un novo escrito da Valedora do Pobo, no que ampara a eliminación do galego nos sinais de tránsito en Gondomar e no que ademais xustifica a deturpación dos  nomes de núcleos de poboación e outros topónimos “cando sexa necesario e a efectos de identificación”. A Valedora actúa como se non existir a Lei de Normalización Lingüísitica, que no seu artigo 10 especifica que os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.

 

Esta mesma segunda feira, a Valedora, “lonxe de rectificar”, afonda nos ataques á lingua propia de Galiza, considera A Mesa, xa que xustifica que o galego non vale para a normativa de tráfico. A iniciativa da Garda Civil de Gondomar e da propia Valedora acaban de eliminar varios sinais de tráfico que levaban anos en galego sen que isto xerara ningún tipo de problema “agás para a propia Garda Civil e a Valedora do Pobo”. A Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias establece no seu artigo 10 que “as autoridades locais dos territorios nos que exista lingua propia deben fomentar o uso da lingua na administración”.

 

Para o  presidente da Mesa Marcos Maceira, “a Valedora actúa nas cuestións relacionadas coa lingua  galega cunha visión ideolóxica e sectaria empregando a institución para atacar e desprestixiar o uso do galego”. Foi por iso e por outras queixas que a Valedora rexeitou polas que A Mesa pediu a súa demisión hai unha semana. “Actúa como se for unha especie de curmá do zumosol das institucións, non só no caso do galego mais si con maior belixerancia cando se trata da lingua propia de Galiza”.



x