A MARCHA ULTRAPASA A ASISTENCIA DE 2016

Miles de persoas de toda Galiza converten Compostela nun clamor polo dereito a vivir en galego sen límites

Miles de persoas de toda Galiza converten Compostela nun clamor polo dereito a vivir en galego sen límites

Unha maré de xente enche as rúas da capital de Galiza na convocatoria de Queremos galego para o 17M. “A nosa forza e constancia pode reverter a situación” na que se atopa o idioma propio de Galiza, animou Marcos Maceira, portavoz da plataforma, perante unha Praza da Quintana que ficou pequena para acoller a masiva afluencia en defensa do galego.


De Ridadeo a Tui e de O Incio a Fisterra. Miles de persoas acudiron este 17 de maio desde todas as comarcas do país a Compostela para, máis unha vez, amosar que o galego ten un exército de valedores por todos os recunchos de Galiza. Unha verdadeira maré humana, que superaría as 25.000 persoas segundo algunhas fontes [que o ano pasado cifraban a afluencia á mobilización en 20.000]. Desde Queremos Galego evitaron dar unha cifra. “Son miles e miles de persoas as que están aquí, un apoio impresionante”, recoñeceron. Xente como Vitorio e Thais, de Rianxo; como Alberte, de Ourense, como Ana, de Viveiro ou Lola de Verín. Como Peque de Vigo, Pili de Compostela ou Suso da Coruña. E así, miles e miles de nomes. “Foi o pobo galego quen conseguiu os avances que se deron para o noso idioma”, dixo Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa, na lectura do manifesto. Sábeno ben Vitorio e Thais, Alberte, Ana, Lola, Peque, Pili ou Suso.

Momentos antes de saír a manifestación da Alameda de Compostela, a xente ateigaba a zona, Gaitas, pandeiretas, faixas, bandeiras, cánticos, lemas... Toda unha festa pola defensa dunha mensaxe clara a rotunda: “En galego, sen límites”, como indicaba a faixa de cabeceira. Moito máis que unha palabra de orde, toda unha declaración vital, como incidía Maceiras no inicio da marcha: Queremos deixar de vivir con exclusións por vivir en galego”. Unha mensaxe que apoiaba Ana Pontón (BNG), que destacaba a “mensaxe de esperanza e optimismo” que había que extraer “de que hoxe haxa aquí miles e miles de persoas polo galego”. Luis Villares (En Marea), denunciaba que “non podemos empregar o galego con normalidade” e que, fronte a iso “hai un pobo que se move”. Non foron os únicos representantes políticos que había na marcha, onde se viron rostos do BNG, Anova, Causa Galiza, Esquerda Unida, PSdeG...

Máis unha vez, a defensa do dereito a vivir en galego reuniu miles e miles de persoas

 

A nosa lingua é unha festa

A manifestación comezou coma todas as mobilizacións a prol do galego. Con alegría, ánimo e compromiso. Axiña se comprobou que a mobilización era masiva. Un dos termómetros para medir a afluencia das mobilizacións que decorren en Compostela é a Praza de Galiza. Cando a cabeceira da manifestación enfiaba a zona vella pola parte da Rúa do Hórreo (e após percorrer o ensanche santiagués), a cola non chegara a dobrar a esquina coa Rúa da Senra. En resumo: unha serpe de música, cor e defensa do galego formada por miles de persoas estendéndose polo centro da capital de Galiza.

“Na Galiza, en galego”, “Feijóo escoita a lingua non se toca”, “Queremos vivir en galego”... foron algúns dos lemas coreados polos participantes na manifestación. Rostros da política, do deporte, da cultura, do sindicalismo dos movementos sociais estaban presentes na marcha. Mais o corazón, o músculo da mobilización configurábano as miles de persoas que enchían Santiago de Compostela. Tamén coincidiron e conviviron na marcha as diferentes familias do galego. Desde AGAL e o Bloco Laranja até mantedores a capa e espada da norma ILG. 

As voces

A actriz Isabel Risco encargouse de animar o ambiente mentres A Quintana, lugar de remate da mobilización, se ía enchendo. “Que Feijóo deixe de ser un acomplexado e nos deixe vivir no noso idioma”, reclamaba entre os aplausos da xente ao tempo que pedía un aturuxo solidario para cos saharauís que coreaban “Liberdade, en galego”.

Bieito Lobariñas e Josito da Teixeira puxeron a regueifa no acto, cunhas coplas improvisadas nas que se combinaban as ‘labazadas’ en verso a Feijóo e a súa política lingüística cos parabéns a quen defende e loita polo galego

Tomou a palabra Miguel Pernas, actor e director de dobraxe, que informaba que en todo o 2016 non houbo nin unha soa película dobrada ao galego. “Non é un problema de demanda é o veto, a mantenta, da oferta”, denunciaba, e reclamaba “cinema, teatro, música en galego!”.

A seguir falou Karina Pereira, estudante, quen enfatizou que “queremos os nosos apelidos restituídos”, ao igual que a toponimia do país, que resiste no idioma propio, embora o que digan “Google Maps e Feijóo”. Guadalupe Vidal, avogada de Vigo, explicou como na xustiza “o que en español sería impensábel en galego é o cotiá”, é dicir, a súa ausencia e discriminación. “Queremos xustiza en galego e para o galego!”, finalizou.

Patricia, do comité de empresa de Eurocen, defendeu o dereito a sermos atendidos en galego e que non haxa que cambiar de idioma para poder ter este dereito. O ramo púxoo Cibrán Arxibai, profesor de matemáticas. “Desde 2010 teño prohibido dar aulas en galego e empregar material en galego”. Unha frase para resumir e exemplificar o ‘apartheid’ que o noso idioma sofre no ensino por mor do ‘decretazo’.

“Se buscas a Galiza...”

A cantante Belem Tajes colleu a guitarra para poñer música ao acto. Non sen que antes Isabel Risco lembrase que foi “represaliada por usar o galego nas aulas”  e pedindo un aplauso de apoio para ela. As palmas encheron de apoio unha Quintana ateigada, chea até a bandeira.

Entón, Belem Tajes interpretou unha particular versión do ‘Galiza’, de Manuel María. “Galiza somos nós / a xente e maila fala / se buscas a Galiza /en ti tes que atopala”. O de Outeiro de Rei a sobrevoar a Quintana na voz da cantante, acompañada polos participantes na mobilización.

Incumprimentos

Marcos Maceira denunciou que a Xunta de Feijóo “non só incumpre a cativa legalidade que ampara o galego”, senón que mesmo “fachandea de actuar contra el”. Explicou como no ensino o noso idioma está nunha situación de marxinalidade grazas á combinación do ‘decretazo’ e a Lomce mais aclarou que non é este eido no único no que hai problemas para o galego.

“Non esperamos nada deste goberno mais exiximos que cumpran o acordado”, instou o portavoz de Queremos Galego, que lembrou que “somos a única nación do estado coa lingua propia a perder falantes, mais tamén a única na que o pobo está só co seu idioma sen goberno que o acompañe”. Porén, esa realidade non debe levar a derrotismos e pesimismos. “É a nosa forza e constancia a que pode reverter a situación”, dixo Maceira.  

A interpretación do himno galego puxo o ramo á mobilización. Que non ao compromiso pola defensa do idioma nos 365 días do ano. E iso téñeno moi claro Vitorio e Thais, Alberte, Ana, Lola, Peque, Pili ou Suso.



x