COMO DICILO?

Miúdo


Miúdo/miúda é unha palabra que aparece con frecuencia (a miúdo) no noso folklore (“É un andar miudiño, miudiño, miudiño, o que eu traio…”) e que se fixo célebre na voz dos nosos poetas (“Como chove miudiño, como miudiño chove, pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove”). Non hai dúbida ningunha da súa galeguidade.

A súa orixe está no latín minus (é dicir ‘pequeno, menor’) e por iso os portugueses falan dos miúdos referíndose aos pequenos, os cativos, os meniños. Derivados galegos son miudeza, miudanza, miudalla/miudallo, miudaxe, etc, todos eles co significado de ‘cousa miúda’. En plural, os miúdos ou as miudanzas é a denominación de certas vísceras de animais.

Outras palabras da mesma procedencia son menos, mínimo, minucia, minuta, minguar ou diminuir (co seu participio diminuto, do que veu o adxectivo). E da mesma fonte latina, mais a través do francés, veunos menú.

O que non existe en galego (nin noutras linguas románicas) é un uso especial de miúdo para dicir precisamente o contrario, é dicir ‘grande’(ou para expresar estrañeza, admiración, crítica ou énfase). É o que o español expresa en frases como Menuda prisa tienes! Menudo robo! / Menudo día has escogido! Ou na exclamación “multiusos” Menuda! En galego soaría tremendamente mal dicir Miúda presa tes! Miúdo roubo! Miúdo día escolleches! ou Miúda!

Resulta evidente que se trata dun uso irónico, burlón, semellante ao que, as veces, ao atoparmos na rúa alguén moi grande, facemos comentando como brincadeira: Pequeniño/a, non?

En galego utilizamos outros mecanismos para expresar esa idea. Volvendo aos exemplos devanditos, poderiamos dicir: Moita présa tes! Tés boa presa!  Canta présa!  Que roubo! Que roubo tan/mais grande! É un roubo manifesto! Que día tan/máis malo escolleches! E a exclamación “multiusos” Menuda! tería numerosos equivalentes posibeis:  Éche boa! Estámosche bos! Manda chover! Mi madriña! Outra vaca no millo! e moitas máis utilizabeis para diversas situacións.

Que lectores e lectoras busquen polo miúdo, que han atopar aínda outras maneiras.

 



x